DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da I Xornada Universitaria sobre o Exercicio Profesional do Educador Social

Profesionais en activo amosan ao alumnado as saídas laborais da Educación Social

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 27/05/2010

Os educadores sociais deben superar unha intensa formación integrada por diversidade de materias que os capacitan para funcións como o desenvolvemento da cultura, a mediación social e o deseño e avaliación de proxectos educativos , entre outras. Así mesmo e ao rematar os estudos estes titulados atópanse con que son moitos os escenarios profesionais nos que poden intervir, dende actividades de animación e maiores ata outras vinculadas cos colectivos de menores, mulleres ou no sector das drogodependencias, por citar só algunhas.
Esta realidade motivou que un grupo de estudantes de 3º curso de carreira organizasen a I Xornada sobre o Exercicio Profesional do Educador Social, unha actividade que se está a desenvolver este xoves no Edificio de Ferro e na que participan antigos alumnos e alumnas da carreira que exercen na actualidade como educadores sociais en institucións públicas e privadas. A iniciativa enmárcase dentro da materia de Educación e Animación Sociolaboral, impartida por Emilia Seoane, e o seu obxectivo fundamental é o de achegar o mundo laboral e da formación complementaria aos estudantes e titulados desta rama do coñecemento. Segundo explica Olalla Bolaño, unha das alumnas que participou no deseño e organización da actividade, “estamos no último ano dunha disciplina que se caracteriza polo enorme abano de saídas profesionais e formativas que posúe. Por iso e agora máis ca nunca precisamos información sobre todos eses camiños para escoller cada un de nós a opción máis adecuada”, sinala.

Levar á práctica os coñecementos adquiridos na aula

A inauguración da xornada correu a cargo de Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, que valorou moi especialmente o feito de tratarse dunha actividade que nace do alumnado, “que foi capaz de sacala adiante superando todas as dificultades que ten a posta en marcha dunha iniciativa destas características”, declarou. A decana subliñou tamén a importancia da temática a tratar no encontro, “fundamental como complemento para a formación do alumnado e máis nos tempos de crise que estamos a vivir” e animou aos seus promotores “a seguir adiante coa organización de actividades para as que sempre contaredes co apoio do decanato”.
Emilia Seoane, pola súa banda, amosouse orgullosa do traballo desenvolvido polos seus alumnos e alumnas “xa que foron capaces de trasladar a formación teórico-práctica aprendida na aula á actividade profesional, e tamén por compartir co resto dos seus compañeiros un traballo de grande utilidade para eles”.
A xornada comezou cun relatorio impartido por Estela González e Sara Feijóo, alumnas da carreira, que lles amosaron aos seus compañeiros e compañeiras de estudos os recursos aos que poden acceder para a procura de emprego e de formación continua. De seguido educadores profesionais en exercicio percorreron os distintos ámbitos profesionais aos que poden acceder estes estudantes ao rematar a súa formación, dende a posta en marcha dunha iniciativa empresarial –Millán Brea explicoulles súa experiencia como empresario no ámbito do ocio e do tempo libre grazas ao seu negocio Lúcete Lecer- ata o traballo nos ámbitos da inmigración, a muller e a xuventude do que lles falaron tres educadoras sociais de Cruz Vermella.

O educador social na educación formal

Outro dos aspectos abordados na xornada é o papel do educador social na educación formal, unha temática de especial interese para os participantes no evento “por ser un ámbito que está emerxendo e do que temos moi pouca información”, segundo sinala Isabel María Saa, organizadora tamén da actividade. A Administración, o traballo con maiores e menores e as funcións e o papel que desenvolve o Colexio de Educadores Sociais de Galicia son outros aspectos tratados no encontro.
A profesora Emilia Seoane espera que a iniciativa ofreza respostas ás inquedanzas do alumnado de cara ao seu futuro profesional, unha andaina na que xa amosaron a súa capacidade ao ser capaces de plasmar nesta xornada moitas das competencias adquiridas na carreira.