DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo de talleres que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Profesionais do audiovisual conectarán o alumnado coa realidade do sector e asesoraranos nos seus proxectos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/03/2022

Complementar a formación do alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual coas achegas de profesionais do sector, que ademais de proporcionarlles un maior coñecemento sobre o manexo de cámaras, a dirección de fotografía, o deseño de son e a posprodución, achegaranlles tamén recomendacións e consellos para os traballos que se atopan desenvolvendo. Estes dous obxectivos combínanse no ciclo de obradoiros profesionais que, entre este mércores 16 de marzo e o 3 de abril, terá lugar en Ciencias Sociais e da Comunicación. Promovido polo profesor Paulino Pérez, co patrocinio da facultade e do Consello Social da Universidade de Vigo, neste ciclo participarán o realizador David Hernández, a directora de fotografía Ledicia Bellón, o técnico de son Gonso Pedrido e o posprodutor e colorista Alfonso Merino. 

Como explica Pérez, este ciclo de obradoiros, impulsado por primeira vez o pasado curso, busca “completar a formación académica do alumnado coa experiencia de diferentes profesionais, adaptada ademais a cada un dos traballos que van desenvolver”. De feito, cada un destes talleres de catro horas combinará un primeiro achegamento á temática na que se centre coa abordaxe dos proxectos audiovisuais nos que se atopa traballando o alumnado participante no marco da súa formación, coa idea “de que lles orienten un pouco na resolución do propio proxecto e dos problemas que se poidan atopar”. De feito, aínda que aberto a todo o alumnado da titulación, trátase duns obradoiros que fan “especial incidencia” no estudantado que cursa a materia de Ficción en terceiro curso, na que teñen que levar a cabo unha curtametraxe, así como no alumnado que se atopa actualmente preparando os seus traballos de fin de grao. Nese senso, Pérez lembra que se trata de dúas promocións que viron como a pandemia e o confinamento dificultaron nos dous últimos anos o seu achegamento a “coñecementos prácticos” vinculados á “tecnoloxía dos medios audiovisuais”.

Do manexo da cámara á montaxe final

Combinando todos eles a abordaxe da súa traxectoria profesional e dunha temática concreta, desde esa vertente práctica “enfocada aos traballos que o alumnado vai desenvolver este curso”, o ciclo arranca este mércores 16 con David Hernández, da produtora Adarme Visual. Realizador e director de fotografía, Hernández, que en 2018 estreaba a súa primeira longametraxe, La felicidad de los perros, centrará este taller en proporcionar ao alumnado “unha explicación detallada das características da cámara BMPC, coa que traballamos na facultade”, apunta Pérez.

Á semana seguinte, o ciclo contará coa directora de fotografía Ledicia Bellón, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e que nos últimos anos traballou como operadora de cámara na película Cuñados ou como axudante de cámara en producións como Fariña ou Vivir sin permiso. “Con Bellón imos traballar as técnicas de iluminación, nun principio de modo xeral e logo adaptándoas xa ás localizacións dos diferentes proxectos”, sinala o impulsor deste ciclo de obradoiros. Seguindo ese mesmo esquema, a terceira sesión correrá a cargo do técnico de son, graduado en Comunicación Audiovisual e profesor convidado na facultade Gonso Pedrido. Ademais de achegar posibles solucións “aos problemas que poden xurdir en determinados espazos nos que os estudantes van a rodar as súas curtas”, este taller abranguerá en primeiro termo “unha parte teórica sobre a captación de son” e a definición do que sería “o deseño do espazo sonoro” dunha produción audiovisual no seu conxunto.

Tamén egresado da facultade, Alfonso Merino centrará o último destes talleres, o 6 e abril, no traballo de posprodución. Responsable da corrección de cor de series como Hierro ou de longametraxes como Ons ou A illa das mentiras, Merino, de Alfonsin Media Lab, porá o foco, como explica Pérez, “nos fluxos de produción, en como facer, unha vez que xa gravamos, as copias de todo o traballo, a organización do material e da montaxe, así como en amosarlles cal vai ser a rutina á hora de traballar a posprodución”.