DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio organizado polo alumnado da Facultade de Comunicación

Profesionais da comunicación debaten sobre a representación da muller no sector e sobre como este as representa 

No marco dos actos do 8M, a Escola de Enfermaría acolleu tamén unhas xornadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/03/2024

Reunir tres novas profesionais da publicidade e do audiovisual para falar sobre como as mulleres están representadas neste eidos, pero tamén sobre como estes sectores representan ás mulleres. Ese foi o obxectivo central da mesa redonda que este xoves acolleu a Facultade de Comunicación. Organizada polas asociacións estudantís Freshy e Santa Kata, esta iniciativa insírese nos diferentes actos que nestes días teñen lugar nas diferentes facultades e escolas con motivo da conmemoración, este venres, do Día Internacional da Muller, como a xornada formativa sobre perspectiva de xénero celebrada tamén este xoves na Escola Universitaria de Enfermaría.

Nós mesmas. O futuro da comunicación era o título dunha mesa de debate na que participaron dúas tituladas en Comunicación Audiovisual, a actriz e creadora de contidos Carlota Mosquera e a montadora Laura Piñeiro, xunto coa profesional do sector publicitario Carla Varela, directora creativa en Brava Estudio. O obxectivo deste coloquio era “escoitar de boca de novos perfís, as súas experiencias, traxectoria e perspectivas, nun sector que debería e podería ser un dos principais motores de avance e cambio”, como sinalou a estudante Noela Sanjurjo, encargada de moderar este coloquio. Nese senso, a conversa permitiu afondar en cuestións como o feito de que, a pesar de que as mulleres son maioría nos estudos deste ámbito, as axencias de publicidade conten con equipos creativos “moi masculinizados”, o que impide que nas súas mensaxes se fagan presentes “perspectivas máis heteroxéneas”, como salientou Varela. Tamén da existencia dun “buraco negro” na profesión de actriz, polo cal “a partir dos 35 anos, deixas de existir”, como denunciou Mosquera, quen subliñou, non obstante, que “cada vez hai máis relatos de directoras” na industria audiovisual. Nesa mesma idea, puxo tamén o foco Laura Piñeiro, quen subliñou que “as historias e os problemas da metade de sociedade teñen que poder existir” nesta industria, o que fai necesario que a presenza de directoras ou montadoras que incorporen o seu "punto de vista" aos relatos audiovisuais.

Formación na Escola Universitaria de Enfermaría

Promovida pola Deputación de Pontevedra, no marco da súa programación do 8M, a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á UVigo, acolleu este xoves unha xornada dirixida a sensibilizar o seu alumnado sobre igualdade e perspectiva de xénero. Impartida pola politicóloga Priscila Retamozo, a actividade permitiu afondar en cuestións relacionadas coa interseccionalidade, a socialización feminina e masculina, a saúde con perspectiva de xénero ou a sexualidade. Inaugurada pola deputada Sandra Pazos e a subdirectora, Paz Diéguez, a xornada permitiu así mesmo reflexionar sobre os estereotipos machistas no exercicio profesional, combinando unha abordaxe teórica con dinámicas participativas.