DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario da UIMP dirixido por profesores das universidades de Vigo e A Coruña

Profesionais e estudantes debaten a problemática dos residuos sólidos urbanos en Galicia e Norte de Portugal

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 14/07/2009

Co obxectivo de dotar ao alumnado do coñecemento básico no tocante á xestión de residuos sólidos urbanos inaugurouse esta mañá, na Facultade de Bioloxía, un curso de verán da Universidad Internacional Menéndez Pelayo. O seminario, que se desenvolverá ata o vindeiro venres 17, contará coa participación de expertos na materia, profesionais e docentes de institucións públicas e privadas, que achegarán coñecementos teórico-prácticos aos 21 matriculados, estudantes e profesores das tres universidades galegas, profesionais de laboratorios e docentes de ensino medio.

Unha cuestión complexa que afecta de preto á cidadanía

“Trátase dun tema de gran importancia, delicado e controvertido, que esixe unha gran concienciación entre toda a sociedade”, sinalaba no acto de presentación o catedrático José Luis Legido, un dos directores do seminario. Carlos Franjo, profesor da Universidade de A Coruña é outro dos directores, xunto co tamén profesor vigués José Manuel Torres, explicaba que “ata o de agora fíxose moito na cuestión da xestión e tratamento de residuos, o problema hai que situalo no seu xusto punto, pois ningunha política de xestión e tratamento de residuos se pode levar a cabo sen a participación cidadá”.
O mundo dos residuos é moi amplo, así existen residuos industriais, mineiros, nucleares, radioactivos, forestais, sanitarios ou clínicos, agropecuarios... Este curso centrouse nos sólidos urbanos porque son estes, precisamente, “os máis achegados á cidadanía”, subliñaba Franjo. “O cidadán é o seu produtor máis directo e debe ser consciente da problemática que isto supón, pois actualmente as taxas deste tipo de residuos superan o 1,7% a nivel estatal”, sinalaba o profesor.
Nesta liña tamén se amosaba o decano da Facultade de Bioloxía, Pedro Pablo Gallego, asegurando que “non é limpo o que máis limpa, senón o que menos mancha” e, neste senso, “cos residuos ocorre o mesmo, son limitados, caros e contaminantes polo que temos que concienciarnos todos de xerar e producir o menor número de residuos posibles, utilizándoos dun xeito máis eficiente”.

Un seminario divulgativo con visitas a plantas de tratamento de residuos de Galicia e Portugal

Baixo o título de Xestión de residuos sólidos urbanos, “tentaremos desenvolver un curso divulgativo, sen que sexa excesivamente técnico”, explicaba Franjo, “tratando un pouco a xestión completa, dende a parte dos concellos ata ás plantas de tratamento”, engadía. Deste xeito, un técnico do Concello de Vigo e outro de A Coruña falarán, esta mesma tarde, da xestión de residuos no ámbito municipal.
Foi o propio Franjo o encargado de impartir a conferencia inaugural, na que introduciu ao estudante na actual normativa vixente, tanto a nivel europeo como nacional, realizando un estudo cronolóxico do tema e comentando a súa evolución. Da xestión de residuos en Galicia encargarase, na última das xornadas, Mª José Echevarría, da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas da Xunta, na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, lugar onde se clausurará o seminario.
Ao longo destes días os estudantes terán a oportunidade de achegarse máis de preto á realidade visitando diferentes plantas de tratamento de residuos en Galicia e norte de Portugal. Así, mañá mércores, o curso desprazarase a Braga onde se exporán unha serie de relatorios na Universidade de Minho, nos que se tratarán, entre outras cuestións, o proceso de eliminación por vertido coñecido como lixiviado, “un proceso que necesita dun mantemento especial, debido á xeración de biogas así como de fluídos altamente contaminantes, do que nos falará a profesora portuguesa Rosário Oliveira”, sinalaba Franjo. E ademais, terán a oportunidade de visitar as instalacións da planta de xestión e valorización de residuos de Braval.
Xa o xoves pola tarde está programada unha saída a SOGAMA para, igualmente, visitar as súas instalacións e “coñecer de primeira man o compromiso desta sociedade pola sostibilidade ambiental”. Finalmente, o venres pola mañá, antes de dirixírense á UDC, realizarase unha visita á planta de Nostián na cidade herculina.