DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas Conversas Empresa Universidade, que promove o Campus Crea

Profesionais da fotografía, creatividade, fisioterapia e deseño achegarán o alumnado ao seu futuro laboral

Nunha serie de encontros entre o 27 de outubro e o 1 de decembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/10/2023

Achegar o alumnado á realidade profesional en diferentes sectores é o obxectivo das Conversas Empresa Universidade, unha serie de encontros promovidos polo Campus Crea, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, que terán como protagonistas unha vintena de profesionais da fotografía, a creatividade, a fisioterapia e o deseño. “Que empresas e profesionais poidan darlles a súa visión sobre o mercado laboral é algo moi importante para o alumnado”, salienta a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, dunha actividade que arranca o venres 27 na Casa das Campás cun encontro sobre fotografía. A continuación, o luns 30 terá lugar unha xornada sobre creatividade publicitaria na Facultade de Comunicación, mentres que  a do 9 de novembro centrarase na fisioterapia, pechándose esta iniciativa, entre o 27 de novembro e o 1 de decembro, cunha serie de talleres na Facultade de Deseño.

Coa excepción destes talleres, que polo seu formato estarán limitados ao alumnado desta facultade, o resto de xornadas están abertas tanto ao estudantado como ao público xeral. Nelas, explica Fernández Souto, participarán “desde profesionais que crearon a súa propia empresa a persoas que traballan por conta allea e que xa teñen un percorrido”, que achegarán ao alumnado tanto "a súa visión da realidade do seu sector e do seu futuro inmediato”, como o seu percorrido profesional. 

Protagonismo para egresados e egresadas

A primeira destas conversas terá lugar o vindeiro venres 27 na Casa das Campás e estará centrada nunha disciplina que forma parte dos plans de estudos de varias das titulacións do campus, a fotografía. Contará coa participación do exalumno da Facultade de Comunicación Gabriel Mar, que traballou como fotógrafo e director de arte para diferentes marcas de moda, e con dúas profesionais que optaron por crear os seus propios estudios, Susana Ríos e Bea Ciscar. Tamén participarán o director do centro de impresión en gran formato Imprimeverde, Daniel Rodríguez, e o director adxunto da axencia de publicidade Ecovigo, Carlos Prado. Por motivos da capacidade da sala, esta primeira conversa require de inscrición previa, a través do correo xes.crea@uvigo.gal.

O luns seguinte, a Facultade de Comunicación acollerá a xornada centrada na creatividade, que terá como protagonistas cinco profesionais que se formaron neste centro. Trátase de Noelia Estévez, socia fundadora do estudio Desoños; Umá de Oliveira, quen actualmente traballa na consultora NTT Data; Lidia Dosil, do departamento de márketing de Casa Grande de Xanceda; e dous egresados que impulsaron o seu propio estudio, Irene García e Rafa Vázquez. 

Tamén con protagonismo para profesionais formados na facultade, Fisioterapia acollerá o 9 de novembro un encontro no que participarán catro egresados, Alejandro Varela, do Servizo Galego de Saúde; Xoel Hermelo, director das Clínicas Saúde Sport; Hugo Ogando, fundador de ClínicasOn; e Alejandro Fernández, responsable da Clínica San Lázaro de Vigo; xunto co fisioterapeuta do Hospital Rivera Povisa Carlos Cáceres.

Finalmente, este ciclo pecharanse con tres workshops dirixidos ao alumnado da Facultade de Deseño; un centrado na ilustración para moda, a cargo da deseñadora e exalumna de Esdemga Áurea Aburto; outro sobre deseño de embalaxe, co estudio Cenlitrosmetrocadrado; e un terceiro enfocado ao deseño editorial, da man do estudio Desescribir.