DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na terceira edición do congreso CISTI que acolle a ESEI ata o 21 de xuño

Profesionais e investigadores iberoamericanos analizan o futuro e o presente das TIC

Teresa Táboas impartiu a conferencia inaugural sobre “Arquitectura e Informática”

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 19/06/2008

Profesionais e investigadores de España, Portugal e Sudamérica reúnense estes días na terceira edición da Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información, celebrada por primeira vez en España e, concretamente, na Escola Superior de Enxeñaría Informática. O congreso científico CISTI 2008, que rematará o 21 de xuño, foi inaugurado pola conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, nun acto conducido polo reitor da Universidade, Alberto Gago e no que tamén interviron o director da ESEI, Enrique Barreiro e o director do congreso, Manuel Pérez.
Foi o reitor, Alberto Gago, o encargado de presentar un simposio que, “coas súas catro conferencias plenarias, os 97 relatores e a presentación de sete temas de investigación avanzada non é unha reunión científica máis” explicou, á vez que reiteraba as súas felicitacións “ao comité organizador, encabezado por Manuel Pérez e á ESEI” pola posta en marcha dun evento que nace con vocación de ser un punto de encontro entre investigadores, profesionais e empresas “para a promoción e transferencia do coñecemento” engadiu. O congreso, será unha mostra internacional das ferramentas informáticas do presente e o futuro das TIC, “o que marcará o perfil diferenciador dunhas xornadas con interese e repercusión internacionais” concluíu, e que aínda que non son de caracter divulgativo, están abertas a todos os interesados.
Pola súa banda, Enrique Barreiro deu á benvida aos asistentes en nome da ESEI e apuntou que “é un honor e un privilexio acoller un evento destas características” máis aínda cando a Escola, por estar situada nun campus pequeno como é o de Ourense, “ten que estar reivindicando continuamente o seu lugar no mapa”. Asemade, agradeceu ás autoridades e empresas patrocinadoras do congreso a súa implicación na tarefa de “converternos por uns dúas nun escaparate internacional de formación de futuro nun momento no que os mozos están a perder o interese polas enxeñarías” dixo. Ademais, invitou aos asistentes a disfrutar non só do congreso, senón tamén “dunha cidade que ten moito que ofrecer”.
O director desta edición do CISTI e profesor da ESEI, Manuel Pérez, explicou que traer o congreso a Ourense “supuxo un sacrificio moi grande, posible só grazas ao esforzo realizado dende o Concello e a Xunta, que seguro merecerá a pena e do que espero que todos saquedes froito” dixo. Botando a vista atrás, Pérez lembrou o longo percorrido entre os inicios da comunicación humana, hai uns 12.000 anos, “e os modernos sistemas informáticos actuais presentes en todos os eidos, dende a educación ata a saúde, pasando pola administración, e como non, a arquitectura”.

A influencia da informática na arquitectura

Precisamente, para afondar na fructífera relación entre a informática e a arquitectura, Teresa Táboas, impartiu o relatorio que deu por inaugurado o CISTI. A conselleira de Vivenda e Solo lembrou como durante a carreira e os seus primeiros anos de traballo, “debuxábamos todos os proxectos arquitectónicos a man nun taboleiro, empregando case máis tempo en preparar os grafos que en desenvolver as ideas” dixo. Ademais, explicou que as perspectivas “creaban moitas dificultades á hora de trasladar o que se tiña en mente ao papel e presentarllo a un cliente”. Todos eses problemas técnicos resolvéronse coa chegada da realidade virtual, “especialmente das tres dimensións, que permiten crear animacións de como vai ser un edificio” comentou, o que supuxo “un paso de xigante de cara á venda do producto”.
A principal vantaxe da informática neste campo foi, polo tanto, “facilitar os procesos grazas a ferramentas que axilizaron o traballo manual e permitiron dispoñer de máis tempo para desenvolver a idea” explicou. “Foi unha revolución total en todas as fases, dende a concepción da idea ata a súa comunicación posterior, pasando pola súa concreción” engadiu. Así, non só o debuxo foi substituído polo deseño, senón que todas as tarefas do arquitecto, dende os primeiros cálculos e valoracións ata a execución da obra final sufriron unha fonda transformación. Basta con pensar, por exemplo, na carga de traballo que supuña para un estudo de arquitectura realizar as contas dunha obra. “As ferramentas informáticas permiten unha capacidade de cálculo impresionante, cunha marxe de erro mínimo”, explicou Táboas.
Remontándose ao pasado, a conselleira lembrou que foi nos 80 cando a relación coa informática cambiou para todos coa democratización que supuxo a aparición do ordenador persoal “con máis prestacións e un prezo más baixo, o que conseguiu que na década dos 90 as novas tecnoloxías se implantaran masivamente”. Pese a todo, comentou que os da súa xeración, acostumados a traballar sobre o papel, aprenderon a usar os sistemas gráficos “como quen aprende unha segunda lingua, que nunca vai ser como a lingua nai, vantaxe que teñen sobre nós os mozos” para os que dixo, “a informática non supón un xeito de realizar o mesmo traballo con menos esforzo, senón que transforma cualitativa e cuantitativamente a concepción total do proxecto” concluíu.