DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas "IX Xornadas de Comunicación e Protocolo"

Profesionais e investigadores sinalan o uso da comunicación como unha ferramenta valiosa en contextos de crise

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 20/05/2009

Máis de 170 estudantes, investigadores e profesionais reflexionan deste este mércores sobre o uso da comunicación e do protocolo como unha ferramenta para manter o prestixio e a imaxe positiva das institucións, organizacións ou empresas en contextos de crise nas IX Xornadas de Comunicación e Protocolo. Na inauguración desta cita, convertido nun clásico do campus pontevedrés, foi aproveitada para a presentación na cidade do documental co que se celebra o centenario da Asociación de Prensa de Vigo (1909-2009), dirixido pola profesora Anna Amorós.
En apenas 30 minutos a obra “homenaxea aos protagonistas desta asociación, que foron notarios do desenvolvemento da cidade”, segundo sinalou Gerardo González Martín, xornalista e ex presidente da asociación. Nomes como Pedro Rodríguez, Cuco Cerecedo, José Manuel Castroviejo, Álvaro Cunqueiro, Manuel Cerezales, Valentín Paz Andrade ou Jaime Solá desfilaron polas imaxes de arquivo recollidas no documental. Unha xeira de homes que xa forman parte da historia de Vigo e da asociación e cuxo esforzo viuse recompensado con dous dos premios dos que a entidade se sinte “máis orgullosa”, segundo confesou González: a medalla de ouro de Vigo, outorgada en 1960 e o Premio Galicia de Comunicación recibido en 1994.
Case parella á súa evolución discorreu o contido do primeiro relatorio destas xornadas, ofrecido pola profesora Carmen López de Aguileta. O desenvolvemento da publicidade do autómobil desde que en 1886 se presentase a patente do triciclo de Karl Benz ata o estoupido da Guerra Civil Española centrou a súa intervención. No contexto actual de crise económica, e na especial relevancia deste sector na economía española e galega, a profesora comezou o seu discurso sinalando “que esta non é a primeira crise pola que pasa este sector, que xa a sufriu a principios da década dos vinte”. A través da recompilación de diferentes anuncios da época, López de Aguileta puxo de manifesto que a publicidade deste sector “debido a que non posuía referentes, ao tratarse dun produto novo, e que tiña carácter internacional, foi pioneira na utilización de estratexias e soportes que co paso dos anos foron adoptando outros produtos”. Marcas como a histórica Hispano-Suiza, Elizalde e outras que sobreviviron ata os nosos días, como Ford ou Fiat deixaron pegada “nun gran número de anuncios da súa confianza no poder da publicidade”, indicou.

Gabinetes de comunicación versus xornalistas

As relacións, ás veces cainitas e outras altamente produtivas e satisfactorias, nas que se converte a dependencia mutua entre gabinetes de comunicación e os xornalistas dos medios, foi o fío condutor da mesa redonda coa que proseguiu a programación. O profesor de xornalismo da Universidade de Vigo, Octavio Rodríguez, deu pé a que Pati Blanco, xefe de relacións externas e comunicación de El Corte Inglés en Galicia, e Manuel González, director de comunicación da Confederación de Empresarios da Coruña, contasen as súas experiencias e opinións neste aspecto. González indicou que o único xeito de salvar “a dúbida” que adoita recaer nos xornalistas dos gabinetes de comunicación só pode ser solucionada “gañándose a credibilidade” ao mesmo tempo que expresou o seu convencemento “da importancia que para as institucións e empresas, que na sociedade actual precisan de impacto mediático, teñen os gabinetes como marcadores da axenda e no seu labor para facilitar o labor dos medios”. Pola súa parte, Pati Blanco sinalou como a comunicación “xa é un elemento tanxible, que afecta á conta de resultados dunha empresa e polo tanto, está presente no staff directivo” previu ante o erro de que os gabinetes se convertan “en fábricas de notas de prensa”. A crise non pasou por alto nas súas intervencións e os dous sinalaron que, aínda que a crise “recorte a inversión en publicidade as estruturas de comunicación deben manterse”, “con dobre valor aínda”, indicou Blanco.
A sesión matinal destas xornadas pechouse coa intervención de Begoña Ruiz, directora de comunicación de Citroen en España, que confesou que considera que o rol que debe xogar é o de “avogada da empresa diante do xornalista e avogada do xornalista diante da empresa”. Nesta filosofía Ruiz quixo chamar atención ante o feito de que a unha empresa “non sempre lle interesa ser noticia” e como exemplo do seu sector puxo o lanzamento dun novo vehículo no que se deben axustar os tempos para ser noticia “cando se lanza e nunca antes, para non matar ao coche anterior e non dar pistas á competencia”. Indicou tamén que a súa política é “non mentir nunca, para ter credibilidade, se ben é certo que tampouco o contamos todo”, apuntou. Un apunte que non debe alarmar a ninguén porque Ruiz recordou que os mesmos medios contan moi pouco deles mesmos.

Completo programa de mércores

As IX Xornadas de Comunicación e Protocolo chegarán ao seu fin mañá cun completo programa por diante. O seu organizador, o profesor Fernando Ramos, abrirá a sesión matinal cun relatorio sobre os recursos, obxectivos e resultados das novas demandas da estratexia corporativa. De seguido, Alfredo Rodríguez, consultor de comunicación e ex-director de protocolo do Ministerio de Defensa ofrecerá un relatorio baixo o título Reinventar o protocolo. Unha mesa redonda sobre problemas e solucións do protocolo cotián na visita de autoridades públicas nos actos de empresa, unha reflexión sobre as relacións entre o cine e a publicidade e unha intervención sobre as estratexias a seguir nunha situación de acoso xornalístico completarán o programa.
Xa pola tarde Alejandro Kowalski ofrecerá un relatorio baixo o título Crise financeira, orixes e estados de alarma da opinión pública e Ramón Paz, consultor de comunicación de IDOM, e Valentín Alejandro, director do máster de comunicación na empresa da Universidade da Coruña, pecharán as xornadas con dúas reflexións sobre a comunicación corporativa en Galicia.