DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas sobre "Explotación Sustentable de Recursos Marisqueiros e Acuícolas"

Profesionais do sector acuícola achegan ferramentas para garantir a continuidade dos recursos mariños

Organizadas pola ECIMAT, terá lugar os días 29 e 30 de xuño en Sanxenxo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 23/06/2010
A acuicultura e o marisqueo son dúas actividades estreitamente ligadas a Galicia grazas a enorme riqueza das súas costas, o que lle permite situarse como unha potencia mundial neste sector. Sen embargo, a problemática derivada da sobreexplotación dos recursos e a perda dos hábitats naturais supón un grave perigo para garantir a súa continuidade.
Por este motivo, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) organiza en colaboración con Caixagalicia unhas xornadas sobre Explotación Sustentable de Recursos Marisqueiros e Acuícolas, que terá lugar os días 29 e 30 de xuño en Sanxenxo.
O obxectivo deste seminario, dirixido a investigadores, profesionais do sector e traballadores das administracións con competencia neste eido, é o de explotar ferramentas que permitan controlar, diversificar, reducir o impacto e mellorar a eficiencia das actividades acuícolas e marisqueiras co fin de garantir a súa sustentabilidade.
Segundo explica o resposable da área de I+D da ECIMAT, Antonio González Villanueva, “na actualidade, e máis na situación que atravesamos, é de vital importancia poder asegurar a viabilidade futura das actividades económicas centradas no marisqueo e a acuicultura, posto que supoñen un sector económico de grande importancia para Galicia”.
Deste xeito, as xornadas están encamiñadas a transformar a acuicultura nunha actividade industrial sustentable, tratando de convertela nunha ocupación ecoloxicamente soportable, economicamente viable e socialmente equitativa.
O seminario contará coa participación de investigadores e profesionais do sector, que achegarán iniciativas punteiras en materia de acuicultura e marisqueo para a súa continuidade dende diferentes puntos de vista, “e incluso achegando propostas que abarcan a problemática da sustentabilidade cun enfoque integral” apunta Villanueva.

Programación das xornadas

A acuicultura centrará os relatorios impartidos na primeira xornada do seminario, na que se abordarán aspectos relacionados co cultivo de macroalgas, a produción do mexillón, a cría de rodaballo e os recursos mariños como ferramentas de explotación sustentables dos recursos marisqueiros
Ademais, o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade, Gonzálo Méndez, falará da xestión integral de zonas costeiras e finalmente, o grupo de Ecoloxía e Zooloxía Animal da Universidade impartirá un relatorio sobre a utilización de subprodutos da industria alimentaria no cultivo da orella de mar.
A segunda xornada estará enfocada ao marisqueo, e contará coa participación de investigadores e profesionais do sector, que exporán as ferramentas e o asesoramento para a explotación de recursos neste campo. Nesta sesión tamén terá cabida o estudo de recursos marisqueiros do proxecto colectivo Rías Altas, así como do Plan de Explotación Experimental de Anemonia Viridis en Galicia e o ecoetiquetado internacional de MSC.