DUVI

Diario da Universidade de Vigo

II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte

Profesionais de todo o país daranse cita en Pontevedra para coñecer as novas tendencias no eido da actividade física

Do 8 ao 10 de maio no Pazo da Cultura en Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 13/02/2008

Os profesionais relacionados co deporte teñen unha cita en Pontevedra para debater sobre as novas tendencias emerxentes nesta disciplina. Trátase do II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte da Universidade de Vigo e o IV Seminario Nacional de Nutrición, Medicina e Rendemento no Novo Deportista que terá lugar no Pazo da Cultura do 8 ao 10 de maio.
Promovido polo grupo de investigación Hi10 da Área de Educación Física e Deportiva, o evento pretende ser un foro de difusión de coñecementos científicos, técnicos e culturais relativos ao deporte. As expectativas para esta edición son moi boas e tal como afirma desde a organización, José Luis García Soidán, “o ano pasado acadouse a cifra de 440 participantes e presentáronse máis de 200 traballos de investigación, agora esperamos espertar o mesmo interese”.
O evento está principalmente dirixido a persoas que traballan a diario en calquera das vertentes do ámbito deportivo xa sexan adestradores, monitores, xestores, animadores, docentes, estudantes... ou que pertenzan a outros ámbitos que teñan relación con esta disciplina, como pode ser a medicina deportiva, fisioterapeutas, farmacéuticos, etc.

Cursos de especialización, comunicacións e pósters

Ao longo de tres intensas xornadas, o II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte contará, ademais das conferencias e as mesas redondas da man de recoñecidos profesionais do eido do deporte, con varias actividades entre as que destacan os cursos de especialización, os pósters e as comunicacións.
En primeiro lugar, continuando co éxito obtido o ano pasado, ofertaranse 12 cursos para afondar en materias específicas que teñen certo interese e actualidade. A raíz das peticións dos participantes nas outras edicións, decidiuse incorporar no programa a posibilidade de realizar ata un máximo de dous seminarios dentro dun ámbito concreto. Deste xeito preténdese outorgar unha formación específica ao profesional que acuda ao evento, así como actualizar e reciclar os seus coñecementos. O número de prazas para cada curso é de 30 alumnos que se outorgarán por rigoroso orde de inscrición.
En segundo lugar, as comunicacións libres e os pósters forman unha parte importante no contido do certame. O obxectivo é proporcionar aos asistentes a posibilidade de expor ante o público as súas liñas de traballo, investigación ou sinxelamente as experiencias vividas dentro do ámbito deportivo. Iso si, todas deberán englobarse en algunha das seis áreas temáticas nas que se divide o congreso. Cada autor terá un tempo de dez minutos para a exposición do seu traballo e cinco para resolver as dúbidas dos asistentes. Os mellores serán galardoados cun premio en metálico e todos se publicarán nun libro de actas que se porá á venda a través da web www.altorendimiento.net.

Premio á fidelidade

Para os interesados en participar nesta nova edición do Congreso Internacional de Ciencias do Deporte, poden facer a inscrición no formulario que xa está dispoñible na web www.congresodeporte.com, onde se especifican as cotas por asistencia e os descontos por grupos. Co fin de premiar a fidelidade das persoas que asistiron ás edicións anteriores, este ano contarán cun prezo especial sempre que acrediten a súa participación.