DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución

O profesor Alfonso Rivera fixo un percorrido pola historia do mimo dende a Grecia Clásica ata Marcel Marceu

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 30/04/2008
Baixo o título Os discípulos do silencio, Alfonso Rivera, profesor de Mimo e Acrobacia na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, ofreceu na Facultade de Filoloxía e Tradución unha conferencia para facer unha viaxe polas distintas correntes e manifestacións teatrais que teñen recorrido ao corpo como linguaxe fundamental de expresión. As explicacións teóricas foron acompañadas por demostracións prácticas para ilustrar os distintos estilos mímicos desenvolvidos ao longo da historia.
Sobre este tema, Rivera considera que o rito de disfrazarse e mimetizarse, que está presente en todas as culturas antigas, conta coa peculiaridade de ser unha tradición que se transmite de persoa a persoa, de corpo a corpo, e non a través dos libros.

As orixes

O punto de partida deste percorrido histórico é a antiga Grecia, onde Rivera destaca a figura de Dionisio, por ser “un deus unido á orixe do teatro e da traxedia”, tal como el mesmo apunta.
En canto ao tipo de representacións, “as pezas máis habituais no imperio helénico eran os fialcos e as mimodias”, segundo o profesor, que explica que “eran creadas a través de pantomimas clásicas e nelas dominaba un sentido do humor obsceno”. Nesta época, os mimos, que se dedicaban a facer burla de todo ser vivinte, gozaban dun importante status na sociedade ao verse libres de obrigacións tales como o servizo militar.
Posteriormente, co nacemento do imperio romano empézase a cobrar entrada para asistir aos auditorios e o “o teatro pasa a converterse nun negocio”, tal como comenta Rivera, que engade que “a partir deste momento, os mimos céntranse na pantomima e na arte do silencio, diferenciándose así do resto de figuras artísticas ”. Xa no ano 300 dc, a introdución da relixión católica implica a expulsión do rebaño de calquera persoa que se dedique ás artes escénicas, polo que os mimos pasan a ser excomulgados.

O Medievo e o Renacemento

As dúas grandes formas de representación teatral presentes na etapa medieval son os misterios, relacionados co teatro relixioso, e o carnaval, no que atopamos o mundo ao revés. “Trátase dunha época na que a pantomima tiña unha gran importancia en todas as formas escénicas”, segundo explica Rivera.
Pola súa banda, o Renacemento introduce o teatro humanista, ligado a intelectuais, e o popular, que se revitaliza coa Comedia dell´arte. Esta última, que se caracteriza pola improvisación sobre unhas estruturas máis ou menos fixas, resulta fundamental para comprender o teatro moderno, posto que ten influído en autores como Molière, Shakespeare ou Lope de Vega, entre outros.

As figuras teatrais do S. XIX - XX

O período de decadencia que afectou ao teatro ao longo do S. XIX foi resolto coa aportación da figura de Jean Gaspard Debureau, que desenvolveu o estilo da pantomima branca. A el súmase Jacques Coupeau, responsable da rexeneración do teatro e da creación dunha escola na que se adestra aos actores en materias como voz, declamación, escultura, pintura e mimo.
Precisamente neste centro é onde se forma Etienne Decroux que, ademais de escribir o primeiro libro sobre mimo, “desenvolve unha severa disciplina actoral denominada gramática corporal”, tal como apunta o profesor Rivera. Posteriormente, un dos seus discípulos, Marcel Marceu, convértese no mimo máis famoso do mundo co seu personaxe PIP e as súas creacións chegan ata os nosos días.