DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha escultura pública situada nunha ruta rural chamada ‘el Camino de las Raíces’

O profesor de Belas Artes Fernando Casás deixa a súa sinatura en Salamanca co deseño dun asteroide

Para a súa obra aproveitou as ruínas dunha antiga ermida de San Marco

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 10/01/2011

Un asteroide aterrou en Salamanca da man do artista e profesor de Belas Artes, Fernando Estarque Casás. Levada a cabo en colaboración coa Deputación de Salamanca, trátase dunha escultura pública que mestura os conceptos de arte e natureza e que homenaxea el Camino de las Raíces, unha antiga ruta que une o territorio español coa serra francesa. Bautizada polo seu autor como S092010, aproveitou as ruínas dunha vella ermida de San Marco para colocar no seu interior a súa creación, recreando “un ovo cósmico caído no medio desas ruínas, dando lugar a un diálogo coa contorna e abrindo á reflexión”, comentou Casás.

S092010 é resultado do interese que o artista sempre amosou polo cosmos, de aí que desde os anos setenta veña desenvolvendo obras de arte que tentan plasmar o papel que xoga o cosmos na creación do Universo. Así, cando a Deputación de Salamanca lle propuxo crear unha escultura pensou nun asteroide xa que “serve como mostra da teoría que propón que as grandes estrelas, ao explotar, esparexen todos os seus elementos polo Universo, e así asteroides e cometas, resultantes da explosión, estarían en realidade conformando o Universo”, en palabras de Fernando Casás. Este tratamento do infinito viuse reforzado pola presenza das ruínas da antiga ermida de San Marco, pois mentres que o asteroide procede do infinito, as ermidas “son construcións feitas polo home para a súa procura do infinito”. Deste xeito, este lugar “non deixaba dúbida sobre onde ía ser situada a obra”, tal como explicou o artista.

Debido á colocación do asteroide entre as paredes da ermida, as súas ruínas deberon ser restauradas, retrasando a inauguración de todo el Camino de las Raíces preto de seis meses. A obra está feita de granito negro de Angola, material que ao ser traballado con distintos procedementos, cobra aparencia metálica. O nome da escultura pública provén do xeito en que os descubridores de asteroides clasifican estes corpos celestes, empregando siglas e datas. Neste caso, “o Asteroide S092010 leva a S de Salamanca, o 09 do mes no que rematei a obra e 2010, o ano”, indicou Casás.

Arte e Natureza

Fernando Casás está considerado pola crítica especializada como un dos precursores do movemento Arte e Natureza, tamén coñecido como Land Art, Earth Works ou Arte Ecolóxico. A contorna influíu moito na súa especialización, xa que “nas estadías preto dos trópicos, concretamente en Brasil, é onde empecei a traballar coa arte na súa relación coa natureza, tendo unha presenza perturbadora e constante”, lembrou o artista. As obras inscritas dentro deste movemento teñen como característica que se mesturan coa súa contorna natural, borrando as fronteiras entre arte e natureza e establecendo un diálogo constante que invita á reflexión.

Como consecuencia, para Casás a arte non é inspiración, senón “un método de indagación, onde o concepto e o seu desenvolvemento son en si mesmos máis importantes que o seu resultado formal”. É máis ben un proceso de investigación e tenta buscar coas súas obras conexións con outros campos do coñecemento humano como son a astronomía, a arqueoloxía, a filosofía, a física ou as matemáticas.

Outras obras

S092010 non é a única obra pública que Casás deseñou. Na cidade de Pontevedra conta xa con dúas, a Memoria do Río e Lamed Vav/Los 36 Justos, situadas na Illa das Esculturas. Tamén dispón de pezas semellantes no Deserto de Monegros, en Aragón, en Brasil, en Portugal ou en Xerusalén. O seu proxecto máis inmediato é unha exposición na Galería Cándido Mendes no barrio de Ipanema, en Río de Janeiro.