DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como director do Grupo de Enxeñaría de Organización

O profesor Carlos Prado, Albariñense de Honra pola súa colaboración co Consello Regulador Rías Baixas

Traballan nun Sistema de certificación para a acreditación do CRDO

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/07/2010

Máis aló da festas e as degustacións, a Feira do Albariño recoñece tamén o traballo desenvolto por diversos persoeiros e institucións a prol deste viño, algo no que destaca do Grupo de Enxeñaría de Organización, que leva varios anos colaborando co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. En recoñecemento a este traballo, Carlos Prado, como director do grupo de investigación, foi nomeado Albariñense de Honra, distinción que recollerá este domingo da man do alcalde de Cambados, Luis Aragunde.

O grupo, composto por 8 profesores e investigadores, ten asinados máis de 200 convenios de colaboración con empresas, servizos e institucións, entre elas o Consello Regulador. En 2007 botou a andar o proxecto de Deseño, Desenvolvemento e Implantación dun Plan de Mellora de Xestión en Bodegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, traballo que rematou en decembro de 2009 e no que tomaron parte 10 bodegas ademais do propio consello. Segundo apunta o profesor Prado, “isto permitiu mellorar o fluxo de información e materiais a través dos diferentes procesos que teñen lugar tanto nos viñedos como nas bodegas, así como na súa relación cos provedores, clientes e Consello Regulador, dotando ás bodegas dun moderno sistema de xestión”.

Unha vez rematado este proxecto, o grupo desenvolve na actualidade para o Consello Regulador o Deseño, desenvolvemento e implantación dun Sistema de certificación para a acreditación do CRDO Rías Baixas conforme á Norma UNE-EN 45011:1998. “A posta en práctica desta acreditación cumpriría a esixencia da Unión Europea, o regulamento coñecido como de Organización común do mercado vitivinícola.