DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Logra un financiamento de máis de 20.000 euros para un proxecto docente de 50.000

O profesor Celso Cancela consegue un módulo Jean Monnet a prol da creación "dun EEUU de Europa"

Comezarase a impartir no mes de setembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 19/07/2011

O profesor e coordinador do grao en Dirección e Xestión Pública, Celso Cancela, acaba de ser recoñecido cun módulo Jean Monnet outorgado pola Unión Europea para impulsar no campus de Pontevedra unha visión federal dos estados que forman a unión. Trátase dunha concesión á que concorren universidades de todo o mundo, logrando un financiamento “de máis de 20.000 euros a un proxecto que está valorado en 50.000”, comenta Cancela. O profesor foi o único representante da Universidade en lograr un módulo destas características no concurso 2010-2011, o que permitirá “contribuír ao proceso de integración europea”.

Unha Europa federal

Como principal organizador deste módulo, que comezará a funcionar no primeiro semestre do vindeiro curso, Cancela propón achegar unha visión federalista da Unión Europea, “coa creación dun Estados Unidos de Europa, visión que levo defendendo máis de 20 anos”, comenta. Para o profesor o actual sistema de negociación retarda calquera decisión a nivel europeo, “algo que non nos podemos permitir nestes momentos de crise financeira, pois a moeda crea unhas dependencias que non se poden xestionar coas institucións actuais”. De aí que defenda un proceso de integración semellante ao dos estados federais de Estados Unidos, “necesitando dun Obama e dun congreso totalmente regulamentado”.

Programación do módulo

Impartido na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o módulo contará coa celebración dun curso anual e dun seminario. No curso, de 40 horas e cunha participación máxima de 50 estudantes, tentará afondar na organización da Unión Europea dende a perspectiva federal e constitucional. O curso irá acompañado dun seminario sobre a carta de dereitos fundamentais, “para afondar na declaración de dereitos da Unión Europea”. O profesor aclara que será unha formación aberta para todas as titulacións da Universidade ata completar prazas, “aínda que é idóneo para o alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública, que conta con materias moi relacionadas coa temática”.

O programa complétase coa creación dunha páxina web para a Universidade sobre o módulo, a publicación dun pequeno manual sobre a Unión Europea e o compromiso de realizar unha compilación de material sobre a integración “que sirva de apoio para as clases”.

Segunda Jean Monnet

Para Celso Cancela, este recoñecemento “supón unha pedra máis para que a nosa Universidade continúe coa expansión do coñecemento da Unión Europea entre o noso alumnado”, uníndose ás contribucións dos outros módulos, cátedras e centro de excelencia Jean Monnet, “conseguidos en anos anteriores e que aínda están vixentes”. Explica que “somos unha das universidades españolas con máis accións activas neste eido, un dato moi valorado se temos en conta o perfil tecnolóxico desta Universidade. Somos das institucións que en case todas as convocatorias consegue algo”, pondo de relevancia o aval investigador “das ramas de Economía, de Dereito e de Ciencia Política”.

Non é a primeira vez que se lle concede un módulo Jean Monnet ao profesor Cancela: en 2004 xa dirixira un que se traduciu nunha materia de libre acceso para todo o alumnado do campus. “Fora unha experiencia moi positiva na que se cumpriron plenamente os obxectivos, xa que fomos quen de achegar a política da Unión Europea a alumnos de Ciencias do Deporte, de Publicidade, de Belas Artes ou de Educación”.