DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seminario ‘Perspectiva federal e constitucional da UE’ celebrado ao abeiro do módulo Jean Monnet

O profesor Celso Cancela defende a creación dun “EEUU de Europa”

Considera que é a única alternativa para os países do continente ante o fenómeno da globalización

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 20/03/2012

“Que é a Unión Europea? Un estado, un estado unitario ou federal, unha confederación...?” A esta pregunta tenta dar resposta o profesor Celso Cancela, que no pasado curso foi recoñecido cun módulo Jean Monnet para “analizar a Unión Europea dende a perspectiva federal”. O docente defendeu este punto de vista nun seminario que imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación durante os meses de marzo e abril no que compara distintos procesos de integración territorial para concluír que a única alternativa para o vello continente “é a constitución dun Estados Unidos de Europa”, sinala o docente. Este curso de 60 horas, dirixido preferentemente ao alumnado de Dirección e Xestión Pública, é pioneiro en Galicia “pois achega unha formación moi complementaria e específica sobre a visión federalista de Europa”, engade Cancela.

O profesor explica que as dúas alternativas de futuro para a Unión Europea pasan, ben pola consolidación dunha “simple” unión de estados soberanos, ben por federarse. “Hai que ter en conta que a unión política de Europa aínda está facéndose polo que os dous camiños teñen as mesmas posibilidades”. Agora ben, segundo Cancela a primeira alternativa, “na que o control das decisións quedaría nas mans dos estados”, perde forza con respecto á segunda, “na que se crearía un goberno europeo ao estilo do estadounidense e os presidentes de cada país serían como os gobernadores dos estados de USA”, compara.

Ante a globalización, única alternativa

Celso Cancela advirte que a implantación do federalismo “non sería tan sinxelo como trasladar o modelo estadounidense a Europa xa que son realidades diferentes e esixe unha adaptación”. Unha das grandes trabas, sinala Cancela, "é a cuestión da identidade de país xa que en Estados Unidos a división das fronteiras trazouse nun papel polo que o sentimento de unidade non está tan arraigado como en Europa, onde cada estado labrou durante séculos a súa propia identidade”.

A pesar das dificultades que presenta a posible implantación dun réxime federal en Europa, o docente defende que “non quedan alternativas ante un mundo cada vez máis globalizado”. Salienta Cancela que un país por si só é “insignificante” dentro do contexto mundial e exemplica a súa teoría preguntándose “que poder de negociación pode ter España na OMC se achega un PIB marxinal?”. Deste xeito, conclúe que a perda paulatina do poder por parte do estado ao integrarse nunha unión territorial “debe ser un prezo que hai que pagar si ou si”.

Ante a relevancia que a perspectiva federalista pode acadar no futuro, o profesor Celso Cancela decidiu organizar este seminario xa que considera “imprescindible” que o alumnado de Dirección e Xestión Pública sexa consciente da importancia do proceso de integración europea, “valorando de onde vimos para comprender o que se está a facer”, apunta. Así o confirma unha das súas alumnas, Guadalupe Reboredo, que decidiu matricularse no curso para afondar en cuestións concretas que se mencionaron durante as clases do grao “e para tentar entender situacións que vivimos na actualidade consecuencia dese proceso de integración que aínda non sabemos como rematará”.