DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente goza dunha estadía de cinco meses na prestixiosa universidade americana

O profesor Claudio Cerdeiriña investiga en Princeton as propiedades físicas da auga

Cualifica de “enormemente enriquecedor” visitar e traballar en centros do exterior

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 06/04/2010

Claudio Cerdeiriña, profesor da Facultade de Física na especialidade de Física Estatística, goza dunha estadía de cinco meses na Universidade de Princeton en Estados Unidos nos que levará adiante un traballo de investigación sobre as propiedades físicas da auga. O docente desenvolverá o proxecto no departamento do profesor P. G. Debenedetti nunha dobre vertente: estudar o comportamento da materia e a racionalización de procesos biolóxicos a nivel molecular. Cerdeiriña cualifica de “enormemente enriquecedor” a posibilidade de visitar e de traballar en universidades do exterior, non só polos coñecementos acadados, senón tamén polo feito de que a experiencia adquirida lle será de grande utilidade no seu traballo como docente.
Explica o profesor Cerdeiriña que a auga é un fluído realmente singular xa que posúe 65 anomalías, “o que significa que hai 65 propiedades que se comportan de forma diferente ao observado usualmente”. As últimas investigacións realizadas neste campo defenden a hipótese de que estas anomalías están orixinadas na existencia dun segundo punto crítico caracterizado por unhas determinadas condicións de presión e temperatura, un ámbito de estudo relevante por dous aspectos fundamentais. Segundo o profesor, “a idea xeral é que os fluídos teñen un único punto crítico, polo que atopar o segundo punto crítico da auga implicaría a necesidade de revisar os nosos conceptos sobre a natureza dos estados da materia”. Por outra banda, a existencia do segundo punto crítico da auga ten interese no campo da Bioloxía Molecular, “posto que todo apunta a que o hipotético segundo punto crítico da auga debe racionalizar os fenómenos asociados á hidratación das proteínas, por exemplo, como se organizan as moléculas de auga que rodean as proteínas e que forma adquiren esas proteínas”.

Liña de investigación en Biofísica

Un dos proxectos que persegue o grupo de Termofísica Molecular do campus é o de abrir unha liña de investigación en Biofísica, “a Física aplicada aos procesos biolóxicos” segundo explica o profesor Cerdeiriña, un campo de estudo de enorme interese para os investigadores, posto que permite progresar nas ramas da Bioloxía e da Medicina “e, quen sabe, obter froitos no futuro”. O investigador asegura que en Princeton hai un bo número de investigadores de referencia en Biofísica “polo que, dende este punto de vista, a miña visita alí é a primeira etapa deste proxecto conxunto”, declara.
O segundo punto crítico da auga conduce á Bioloxía Molecular e, neste ámbito, o profesor Cerdeiriña confesa a súa fascinación polo tema dos motores moleculares. “Trátase de máquinas moleculares biolóxicas que transforman a enerxía química en traballo mecánico de modo análogo ao motor dun automóbil que converte parte da calor –enerxía- que se produce na combustión de gasolina ou gasoil en enerxía asociada ao movemento das súas rodas –traballo mecánico-”, explica. Usando os métodos da Física algúns grupos da Universidade de Princeton están contribuíndo á comprensión do funcionamento destes entes de tamaño nanoscópico “cuxa importancia é vital en diversos aspectos da bioloxía celular e outros procesos”. Di Cerdeiriña que o século XX foi o século da Física e que o consenso xeral dos investigadores é que a Bioloxía vai ser a estrela científica do século XXI. “Físicos, químicos, biólogos e matemáticos estamos chamados a contribuír neste campo e o meu obxectivo é regresar con ideas claras e concretas nestes aspectos”, afirma.

Uns coñecementos para aplicar na aula

Un dos aspectos máis positivos das estadías dos docentes nunha universidade do exterior está no aproveitamento dos coñecementos adquiridos na aula. No caso do profesor Cerdeiriña as súas estadías previas en centros de México, Francia e Estados Unidos foron determinantes nas teses de doutoramento de tres dos seus estudantes. “Un deles está a realizar unha estadía de post-doutoramento na Universidade de Leuven, en Bélxica e o outro empezará axiña a traballar cun grupo do campus de Vigo. Para un docente e investigador é imposible ocultar a enorme satisfacción que isto produce”, declara.