Nos Premios Blogs Jurídicos de Oro na categoría de Artículos de Excelencia
O profesor Diego Gómez, galardoado por un artigo sobre a obrigatoriedade da cita previa nas administracións públicas
O docente sostén que a súa esixencia non se axusta a dereito e prexudica á cidadanía
Un dos hábitos aos que a cidadanía se tivo que acostumar durante a pandemia foi a necesidade de solicitar cita previa para moitos servizos e trámites. Pasados xa dous anos, este requirimento segue sendo esixido en moitas administracións públicas, algo que, segundo o profesor asociado de Dereito Administrativo da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Diego Gómez, non se axusta a dereito. Precisamente, un artigo no que o docente expón os motivos polos que a cita previa obrigatoria sen motivación é contraria a dereito acaba de ser galardoado na cuarta edición dos Blogs Xurídicos de Ouro 2022, na categoría artigos de excelencia.
Na súa análise, publicada no blog Es de justicia, Gómez sostén que, unha vez que se levantaron as medidas excepcionais de emerxencia sanitaria, a cita previa debería regresar ao seu carácter voluntario, modalidade que considera “unha boa opción” xa que “beneficia ao cidadán, que aforra tempo, e á Administración, que pode organizar mellor o servizo”. Non obstante, a persistencia da súa esixencia a día de hoxe en administracións públicas, como rexistros e oficinas de atención cidadá, “non se axusta a dereito, porque supón unha limitación ao acceso a servizos básicos para a cidadanía”, recalca.
O artigo recibiu o primeiro premio nos Blogs Xurídicos de Ouro 2022, promovidos polo Grupo Globoversia, comunidade de intereses culturais non lucrativos, co patrocinio da Editorial Amarante e da Fundación Automáticos Tineo. O xurado concedeulle esta distinción por “expor mediante unha prosa elegante e clara, unha cuestión que ocupa e preocupa á cidadanía e administracións, ofrecendo claves xurídicas e plantexamentos de reacción, dende a perspectiva das garantías cidadás”. E é que o artigo, ademais, permite acceder a un escrito gratuíto para solicitar a eliminación da cita previa. Gómez recoñece que a concesión deste galardón, “máis aló da ledicia persoal”, faino “especialmente feliz” polo que implica “a nivel social, de empoderamento da sociedade civil, que se quedou moi debilitada a raíz da pandemia” e lembra que foron os escritos de queixa presentados contra a cita previa os que provocaron a reacción de institucións como o Defensor del pueblo.
Sobre os motivos que o levaron a centrarse nesta temática, Gómez sinala que como cidadán e como docente, resúltalle “preocupante que non saibamos cales son os nosos dereitos” e bota en falta máis formación sobre “dereitos e liberdades fundamentais e algunhas nocións xurídicas básicas” nos plans de estudo dende idades temperás. Neste sentido, recalca que “saber cales son os nosos dereitos e obrigas non só fai que os cidadáns sexan máis responsables; senón que permite que ao esixir os seus dereitos, vaian corrixindo a actuación da Administración, o que contribúe a que todo funcione mellor”.
Fundamentos xurídicos
O letrado fundamente a súa análise sobre a legalidade da cita previa obrigatoria na propia Constitución, que recoñece que o poder, a soberanía, reside na cidadanía, da que emanan os poderes do Estado (art. 1.2 CE). Polo tanto, resalta, “o poder que teñen as administracións non é orixinario, como o noso, senón delegado, e só están lexitimadas cando actúen conforme á lei, e aquí non o están facendo”. Para Gómez a lexislación é moi clara: “non existe previsión lexislativa algunha que ampare a esixencia da cita previa obrigatoria”. É máis, atendendo ao expresado polo Tribunal Supremo, “o interese xeral ou público pertence e beneficia aos cidadáns, non á Administración como organización servizal que o xestiona”. Na súa argumentación, o docente tamén se refire á Ley de Organización de la Administración General del Estado de 1997 que sostén que “o servizo aos cidadáns é principio básico que xustifica a súa existencia e que debe presidir a súa enteira actividade”, como á Lei 40/2015 que obriga ás administracións a respectar os principios de proximidade e servizo efectivo.
Por outra banda, o docente tamén sostén que a cita previa obrigatoria tampouco respecta o dereito a unha boa administración, que emana tanto da UE como da Constitución e “impón aos órganos administrativos a necesidade de someterse ás máis exquisitas esixencias legais nas súas decisións, tamén nas de procedemento, un dereitos de ser asistidos polas administracións públicas que a cita previa obrigatoria recorta”. Incluso, engade, hai administracións que só admiten a solicitude da cita a través de internet, “o que supón deixar fóra a todas as persoas e colectivos que non dominan ese medio tecnolóxico e vulnera o art. 14 da Ley de Procedimiento Administrativo”.
A cita previa si, pero voluntaria
O avogado e docente defende o sistema de cita previa como algo claramente “moi positivo”, sempre e cando sexa voluntaria, xa que permite á cidadanía “organizar mellor o seu tempo e redunda nunha mellor prestación do servizo pola Administración”. Pero debe ser sempre unha opción á que as persoas se acollan libremente e, “se non quere e ten urxencia ou non lle importa esperar, debe poder acudir directamente e ser atendido pola Administración”. O feito de non ser atendido presencialmente “vulnera os seus dereitos máis básicos” e os principais prexudicados son “sempre os máis débiles: maiores, persoas sen recursos e inmigrantes. Se a tardanza en ser atendidos é xa de por si prexudicial, cando isto afecta á presentación de solicitudes ou recursos que poden facer perder dereito é moi grave”.
A este respecto, o investigador lembra que en moitas ocasións a cidadanía recorre, por exemplo, a xestorías, para que fagan os trámites, pero isto vai contra o principio de gratuidade do procedemento administrativo e lembra que a imposición da cita previa incluso provocou, como xa denunciou o Síndic de Greuges valenciano, que se xerase un mercado negro para conseguir as citas nos concellos, o que “é gravísimo e moi preocupante”.