DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa tese de doutoramento

Un profesor de Enxeñaría Telemática crea un sistema para facilitar a realización de trámites administrativos on line

Resulta especialmente útil con aqueles servizos que requiren que un cidadán interaccione con diferen

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 02/06/2009

A Administración Pública, do mesmo xeito que o resto dos sectores, non é allea á vertixe de cambios que están a provocar a incorporación das novas tecnoloxías, principalmente Internet. Hoxe en día moitos entes administrativos empezan a dispoñer de páxinas web e sistemas de comunicación de datos que lle permiten ao cidadán acceder a toda unha serie de servizos telemáticos que, doutra maneira, suporían ter que acudir ao portelo tradicional, cos custos en tempo, diñeiro e molestias que isto supón. Sen embargo, quedo moito por andar, sobre todo naqueles trámites nos que hai varias administracións implicadas.
O profesor Luis Álvarez Sabucedo é o autor dunha tese de doutoramento na que proporciona unha plataforma software dirixida, entre outros aspectos, a facilitarlle aos usuarios a realización de servizos on line e que resulta especialmente útil “con aqueles servizos que requiren que un cidadán interaccione con diferentes administracións”, sinala o autor.

Unha ferramenta útil para múltiples trámites

Como exemplo práctico do tipo de aplicacións ás que se está a referir, o autor da tese sinala o caso dun cidadán que se muda dunha cidade a outra. Esta operación requirirá que se leven a cabo diferentes tarefas: darse de baixa dun padrón, inscribirse no outro, cambiar o centro educativo dos fillos, solicitar a tarxeta de desconto no autobús, modificar o censo electoral, acceso a servizos sociais, cambio de médico, etc. A plataforma desenvolta polo profesor vigués permite localizar estes servizos e proporciona unha maneira sinxela de artellar todo o proceso dende un sistema de portelo virtual único.
O nacemento dun neno, alcanzar a maioría de idade, acollerse a programas de bolsas, xubilarse... son outros escenarios típicos nos que sería útil a aplicación desta plataforma. “Nestes casos é necesario interaccionar con diferentes administracións e coordinar servizos independentes que dentro da plataforma creada, conxúganse sen necesidade de que o cidadán teña que preocuparse polos detalles particulares de cada unha das operacións nas diferentes administracións”.

Máis preto da administración electrónica

Esta tese enmárcase no contexto da chamada administración electrónica ou, empregando terminoloxía anglófila, eGovernment, é dicir, estuda a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) á provisión dos servizos propios da Administración Pública.
Estas tecnoloxías, aplicadas aos servizos destinados aos cidadáns, buscan a axilización e mellora da calidade de servizo das administracións públicas mediante un cambio de paradigma no servizo público ao pór aos cidadáns coma eixe dun sistema altamente tecnificado no que o acceso aos servizos sexa eficiente e integral. Para isto, esta tese,
desenvolvida no Departamento de Enxeñaría Telemática e apoiada en proxectos de financiamento público, baséase na explotación das tecnoloxías semánticas orientadas a facilitar as tarefas aos programas software sen a intervención de seres humanos.
“Estas tecnoloxías semánticas están cada vez máis presentes na nosa vida cotián, e buscan dotar aos ordenadores da capacidade de interpretar os datos converténdoos en información e, permitindo deste modo, que poidan tomar decisións cun alto grado de autonomía”, explica Álvarez Sabucedo.
Como exemplos nos que os usuarios poden ver claramente o emprego destas ferramentas semánticas, o profesor cita o caso de flickr.com onde os usuarios, dun modo colaborativo, etiquetan fotos permitindo que outros participantes localicen as que lles interesan dun modo moi sinxelo. “Outro exemplo destas tecnoloxías é o de last.fm, un sistema capaz de recomendar cancións a usuarios que nunca as oíron en función dos seus gustos”, explica.

O autor

Luis Álvarez Sabucedo obtivo o título de enxeñeiro de telecomunicación en 2001. Desde 2003 traballa como profesor no Departamento de Telemática onde tamén desenvolve a súa actividade investigadora no ámbito das tecnoloxías web, semántica, eGovernment e eLearning. O resultado dos seus traballos foi publicado en diversas revistas científicas e conferencias internacionais. Na actualidade, segue impartindo docencia como profesor axudante na Universidade de Vigo, toma parte en diferentes congresos internacionais e colabora activamente en diferentes proxectos nacionais e europeos.