DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Fernández-Jardón afonda no proceso de internacionalización das pequenas e medianas empresas galegas

Nunha obra que amosa a importancia do capital intelectual para este procedemento

Etiquetas
  • Vigo
Lucía Costas DUVI 04/06/2009

É un feito que o fenómeno da globalización da vida económica afecta de modo especial ás empresas. Dentro de todos eses efectos amósase un aspecto activo, no que os axentes afrontan a globalización como suxeitos, e outro pasivo, polo feito de que eses axentes deben recibir o impacto que outros factores provocan sobre eles. O proceso de internacionalización atópase dentro dos primeiros e cara el diríxese a última obra do profesor do Departamento de Economía Aplicada, Carlos María Fernández-Jardón, que leva por título Capital intelectual e internacionalización de la PYME gallega.
O libro centra os seus obxectivos en pescudar cal é o modelo que mellor se axusta ao proceso de internacionalización desta empresas e no xeito de medir o seu grao. Para levar a cabo este labor analizouse a situación do comercio internacional de Galicia recollendo datos oficiais e, á vez, a opinión que os empresarios galegos teñen da contorna internacional. Deste estudo observouse que Galicia ten relacións comerciais sobre todo cos países da UE, en especial con Francia e Portugal, por acoller unha sede dunha multinacional súa e pola proximidade xeográfica, respectivamente. Da perspectiva dos empresarios concluíse a existencia de factores obstaculizadores, como poden ser a diferenza de custes entre os países, os trámites financeiros, a loxística, as diferenzas culturais, a distancia xeográfica e os requirimentos legais; e, pola contra, aspectos facilitadores como son as tecnoloxías da información e da comunicación, a crecente cultura da calidade, o coñecemento e o dinamismo do mercado, o crecemento dos países, os acordos internacionais e a globalización.

Capacidade de internacionalización da PEME galega

Partindo desta información e doutros traballos previos construíuse un modelo de internacionalización da PEME galega. A raíz de estudar os motivos que fan que as empresas decidan internacionalizarse xurdiu o concepto de capacidade de internacionalización, que ven medida, no que se refire aos aspectos organizativos e sociais, pola cultura, o sistema de información e a capacidade de cooperación.
Deste xeito, o obra define a propensión cara á internacionalización como unha variable composta de cinco dimensións, unha referida á cultura estratéxica, outra aos sistemas de información para a internacionalización, outra á cooperación e dous aspectos relativos ao capital humano: as habilidades para a internacionalización e os coñecementos que os recursos humanos teñen para desenvolver dito proceso.

Capital intelectual e grao de internacionalización

Existe unha progresiva concienciación sobre a importancia que ten o capital intelectual como base da capacidade para competir con éxito. Na liña deste estudo comprobouse como o capital humano asociado ás persoas e o capital social asociado á organización son esenciais para o desenvolvemento da internacionalización nas empresas.
As características culturais son importante pero non dan unha seguridade completa da situación da empresa no proceso de internacionalización. Na obra fálase dunha certa retroalimentación nas relacións entre capital intelectual e grao de internacionalización, que fai que ambos vaian aumentando conxuntamente. A formación dos recursos humanos ou a dispoñibilidade para residir noutros países son dous aspectos do capital humano esenciais para desenvolver o proceso internacional. Polo que respecta á organización é preciso potenciar a colaboración, mellorar os sistemas de información e potenciar a estratexia das empresas, todo de cara á internacionalización.