DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Filoloxía e Tradución, por iniciativa de David Willingham

O profesor Gabriel Andrade, da universidade venezolana de Zulia, afondou nas figuras de Hugo Chávez e Simón Bolívar

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 06/02/2009

Dúas figuras de gran importancia política e militar na historia de Latinoamérica centraron hoxe o debate na Facultade de Filoloxía e Tradución. Chávez: a revolución non será televisada foi o título do documental proxectado, ao que precedeu o relatorio Chávez e o culto a Bolívar a cargo de Gabriel Andrade, profesor de Antropoloxía e Socioloxía da Universidade de Zulia, en Venezuela.
Trátase dunha peza audiovisual creada no ano 2003 por un grupo de televisión irlandés acerca do acontecido en abril de 2002 en Venezuela, donde o presidente Hugo Chávez foi suspendido do seu cargo durante 48 horas. “Un documental patético cara a figura de Chávez”, opinaba o profesor da Universidade de Vigo, David Willingham, encargado de organizar a xornada. Andrade, pola súa parte, sostiña que “presenta unha visión obxectiva dos feitos e de simpatía cara ao Goberno” pero, non obstante, quixo matizar dúas cuestións coas que discrepaba. A primeira delas era que “nunca constou en ningún documento escrito que os que pediran a renuncia de Chávez ameazaran con bombardear o Palacio de Miraflores”; o outro dos puntos que se omitiu, segundo o profesor, foi “a renuncia de Chávez anunciada á prensa polo máximo xeneral Lucas Rincón, premiado logo sorprendentemente cunha embaixada en Portugal”.
A reportaxe narra o golpe de estado do 11 de abril de 2002, planeado e levado a cabo, segundo o filme, por varias elites de extrema dereita venezolana e con acción externa por parte dos Estados Unidos e dos medios de comunicación de Venezuela, cualificados como manipuladores da opinión pública. No documental amósase o momento de explosión do conflito no Palacio de Miraflores e a situación dos días de folga xeral, así como a reacción dos partidarios e do gabinete de Chávez.

O culto a Bolívar na sociedade venezolana

Trala visualización do documental, o público asistente puido escoitar a Gabriel Andrade falar da figura de Simón Bolívar como un referente en Venezuela. O profesor fixo unha presentación do culto a Bolívar explicando que engloba tanto aos chavistas como aos anti-chavistas, “a actual oposición venezolana é incapaz de desvincularse de Bolívar e apelan ao mesmo libertador para enfrontarse a Chávez”. Andrade falou tamén da presenza de Bolívar na vida cotiá do país “na moeda, nos estados, nos municipios, nas escolas, nas prazas e incluso nos satélites”. “Bolivariano é máis unha etiqueta relixiosa que política”, aclaraba o profesor. Algúns historiadores sinalan que o Bolívar histórico sentou as bases para a devoción á súa persoa, pero en todo caso, “desde Guzmán Blanco, todos os xefes de Estado en Venezuela promoveron o culto a Bolívar, empregándoo para declararse os seus sucesores” e, neste senso, Andrade comparouno co Cid Campeador en España, “unha figura suprema e un símbolo protector”.
A época de Chávez marcou unha nova etapa nesta adoración, o presidente “apropiouse do termo bolivariano e logrou etiquetar como anti-bolivarianos aos seus opoñentes, o que provocou un fervor bolivariano protestante entre os opositores”, explicaba Andrade. “Cambiou o nome do Estado, agora chamado República Bolivariana de Venezuela e tomou a vida de Bolívar como un arquetipo mitolóxico, como se puido observar na reportaxe, chegando incluso a formular a hipótese de que este fora asasinado” engadía.
Para rematar, Andrade cuestionou se é ou non prexudicial o culto a Bolívar argumentando que “a relixión civil cumpre unha importante función social de integración, pero podería xerar un baleiro que, a longo prazo, resultaría un desorde aínda peor do que vive Venezuela”, comentaba o profesor. Non obstante, si resultaría contraproducente “se a relixión é marcadamente militarista, o arquetipo militar do pasado emprégase para combater o presente”.