DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañou na categoría de guión impoñéndose a profesionais da talla de Pedro Almodóvar ou Icíar Bollaín

O profesor e guionista Ángel de la Cruz triunfa nos Goya con 'Arrugas'

Imparte clase no Máster de Contidos Audiovisuais da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 20/02/2012

Enfrontábase aos grandes do cine español, pero a Academia soubo recoñecer o seu talento. Ángel de la Cruz, profesor do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais da Universidade de Vigo, alzouse co Goya ao mellor guión adaptado polo filme Arrugas, impoñéndose a profesionais da talla de Pedro Almodóvar, Icíar Bollaín e Benito Zambrano. Este luns Ángel de la Cruz amosouse moi satisfeito co seu terceiro Goya, o primeiro como mellor guionista e manifestou “unha enorme emoción polo recoñecemento dun traballo e dunha traxectoria de longo percorrido”. Este galardón premia por primeira vez a unha película de animación fóra da súa categoría competindo con guións de ficción, “o que abre unha nova porta para que outros proxectos de animación consigan máis nominacións noutras categorías, incluso na de mellor película”, explica Ángel de la Cruz.

O guionista e director galego, visiblemente sorprendido polo premio, subiu ao escenario para recoller o seu primeiro Goya na categoría de mellor guión adaptado dedicándollo en xeral á produción galega audiovisual e, en particular, á súa irmá Susana de la Cruz, “que atende a nosa nai que padece a mesma enfermidade que se reflicte en Arrugas, o alzhéimer”. Tras a gala, de la Cruz destacou que o premio ao mellor guión para unha película de animación supón “un gran recoñecemento que pon a este xénero a altura de calquera tipo de cine”.

Dous goyas para Arrugas

Arrugas non só foi premiada co Goya ao mellor guión, senón que tamén convenceu na categoría de mellor película de animación impoñéndose ás finalistas Papá, soy una zombie e Carthago Nova. Non obstante, segundo o punto de vista de Ángel de la Cruz, para impulsar o sector da animación en Galicia “habería que crear unha escola e un clúster de animación para fomentar a produción e continuar sendo líderes”.

No tocante ao panorama audiovisual xeral en Galicia, o director e guionista salienta que se conta cun bo nivel de produción nos últimos anos, “agora en perigo por causa, entre outras cousas, da crise”. Considera que a materia pendente segue a ser a comercialización e a promoción, sobre todo no eido internacional, pois “non vale con facer películas e que logo queden no caixón, hai que saír fóra a buscar socios e, cando se teñan pechadas vendas importantes que aseguren o financiamento, será o momento de producilas”.

Vindeiros proxectos

Tras o éxito de Arrugas, Ángel de la Cruz continúa o seu traballo como guionista para unha comedia para o cine titulada Tres ríos ao mesmo tempo que escribe guións para dúas produtoras. Como director está embarcado na rodaxe da película para televisión Todos vós santos e tamén no desenvolvemento doutra baseada na novela Lume de cobiza de Miguel Anxo Fernández, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.