DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dedicou cinco anos ao estudo de seis manuscritos do Corán traducido ao latín por Domingo Germán de S

O profesor e investigador García Masegosa publica a edición crítica do Corán en latín

A obra forma parte dun proxecto interuniversitario que estuda as relacións entre a cultura musulmá e

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 17/03/2010

Antonio García Masegosa, profesor de Filoloxía Galega e Latina na Facultade de Historia, vén de publicar a edición crítica do Corán en lingua latina. A obra que leva por título Germán de Silesia. Interpretatio Alcorani litteralis, consta de 540 páxinas e foi editada polo Consello Superior de Investigacións Científicas. A publicación do libro é o resultado dun proxecto de investigación interuniversitario chamado Islamolatina, unha iniciativa que se puxo en marcha no ano 2005 da man de José Martínez Gázquez, catedrático de Filoloxía Latina da Universidade Autónoma de Barcelona co obxectivo de estudar a percepción do Islam e as relacións mantidas pola Europa cristiá medieval cos musulmáns, especialmente na Península Ibérica.
García Masegosa dedicou cinco anos de traballo de investigación “case exclusivo”, como el mesmo recoñece, ao estudo de seis manuscritos do Corán traducido ao latín no ano 1669 por Domingo Germán de Silesia, un frade franciscano da orde dos Frates Minores. Germán de Silesia estivo como legado papal na Gran Tartaria e alí perfeccionou os seus coñecementos do idioma árabe. O frade terminou o manuscrito no Mosteiro do Escorial onde morreu. No transcurso da investigación García Masegosa puido comprobar como no último manuscrito a letra do fraile se ía deteriorando pouco a pouco “e ao final morreu sen poder acabar a obra”, declara. Aquel escrito nunca foi publicado, unha realidade na que Masegosa fai especial fincapé para subliñar o feito de que agora aquel traballo sae á luz grazas a este proxecto de investigación.

Ler os manuscritos, indagar na bibliografía do autor e transcribir o texto

Para levar adiante o estudo García Masegosa leu seis manuscritos en latín “e escoller a lectura que considerei máis correcta segundo a probable intención do autor”, explica. O paso seguinte foi o de numerar todas as aleyas (versículos do Corán) do texto na dobre nomenclatura que se utiliza actualmente. García Masegosa tivo que indagar tamén na abundante bibliografía sobre o frade para poder facer unha introdución da vida do autor. O último paso do traballo foi a transcrición do texto en latín “procurando non cometer erros e sen a axuda dos modernos correctores ortográficos que non existen para a lingua latina”, segundo puntualiza Masegosa.
O libro dedica o seu capítulo primeiro a facer unha introdución que consta de catro apartados: o autor, a obra, os criterios de edición e a descrición dos manuscritos utilizados. De seguido está a parte esencial da obra, é dicir, a edición crítica do Corán en lingua latina. Masegosa explica que, como en toda edición crítica, “aparece ao pé de páxina un aparato crítico con todas as variantes encontradas nos seis manuscritos utilizados”. A publicación remata cun índice de todos os nomes propios que aparecen no texto do Corán.
García Masegosa explica que as traducións ao latín do Corán que se facían na Europa medieval tiñan por obxecto rebater a doctrina islámica. Nesta liña Germán de Silesia non se limitou a facer a tradución ao latín “se non que, capítulo por capítulo, foi refutando esta doctrina inmediatamente detrás da tradución”. Por iso nos manuscritos orixinais do frade hai unha segunda parte que aínda está por estudar. “Para facer unha edición desta segunda parte requírense, ademais de coñecementos de latín, coñecementos de lingua árabe porque hai moitas palabras escritas nese idioma. Eu non teño coñecementos de lingua árabe polo que non me plantexei facela pero non é imposible que alguén asuma esa tarefa nalgún momento”, declara.

Especialistas no mundo árabe e investigadores, destinatarios da obra

Polo que respecta ao público destinatario do libro, García Masegosa recoñece que ler un libro en latín, exceptuando a introdución, “é algo que non está ao alcance de moitas persoas e, se a iso engadimos que se trata do Corán reducimos aínda máis o posible interese”. Por iso os destinatarios da publicación son os estudosos especializados no mundo árabe “que poden atopar no libro material suficiente para as súas investigacións” e tamén os investigadores universitarios en países de lingua árabe “en moitos dos cales hai medios suficientes para promover a investigación”. Con todo o investigador asegura que isto non é algo que lle preocupe excesivamente. Nas súas palabras, “os investigadores ás veces temos que darnos por satisfeitos co pracer que nos proporciona o traballo en si mesmo”.

Un proxecto internacional

Islamolatina. A percepción do Islam na Europa cristiá. Traducións latinas do Corán e controversia islamo-cristiá é o título do proxecto de investigación interuniversitario no que se enmarca a publicación do libro de García Masegosa. A iniciativa da Universidade Autónoma de Barcelona conta coa participación das universidades de Vigo, A Coruña, Alicante, Tennessee (EE.UU), Edimburgo (Escocia) Nantes (Francia) e o Consello Superior de Investigacións Científicas. O grupo está integrado por especialistas en filoloxía latina e árabe que basean os seus traballos nas fontes directas de información que proporcionan os textos, principalmente medievais e en lingua latina, para facer a súa edición crítica e poñelos ao servizo do coñecemento do proceso de percepción do Islam.