DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As eleccións celebraranse o vindeiro martes 30 de outubro

O profesor Jorge Falagán encabeza a única candidatura ao decanato de Ciencias Económicas e Empresariais

De lograr o respaldo da Xunta de Facultade, incrementarán as relacións co tecido socioeconómico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/10/2018

O profesor Jorge Falagán, coordinador do dobre grao ADE-Dereito, encabeza a única candidatura ao decanato da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro que na actualidade dirixe o profesor Santiago Gómez Fraiz , quen chegara ao cargo en outubro de 2011 tras ter exercido como secretario e vicedecano nos equipos capitaneados por Margarita Estévez, Juan Surís e José Mª Martín Moreno. “Fai tres anos o equipo decanal saínte, que xa levaba dúas lexislaturas ao fronte do centro, tivo que volver a presentarse porque non xurdiu ningunha outra candidatura. Nesta ocasión, un grupo de docentes decidimos dar un paso ao fronte e configurar unha opción solvente”, explica o profesor Falagán.

As eleccións celebraranse o vindeiro martes 30 de outubro nunha Xunta de Facultade Extraordinaria a que están chamados a participar 91 persoas pertencentes ao sector Profesorado Docente e Investigador; 49 alumnas e alumnos e 7 integrantes do Persoal de Administración e Servizos.

Unha candidatura máis que paritaria

A candidatura encabezada polo profesor Falagán complétase coa profesora Ana Esther Castro, como secretaria; Sonia Margarita Rodríguez, como vicedecana de Organización Académica; Natalia Vaz, de Alumnado e Empregabilidade; María Gómez, de Relacións Internacionais, e Pedro Lorenzo, de Calidade. “Todas as persoas que me acompañan na candidatura son moi solventes e para min é un auténtico orgullo telas convencido para embarcarse neste proxecto”, explica Falagán, ao que engade que se algo teñen en común todos estes profesionais é a empatía co alumnado e a importancia que lle dan ao labor docente. “Queremos actuar como un auténtico equipo e a nosa intención é implicar ao maior número posible de persoas do centro na consecución dos nosos obxectivos”, recalca o docente, polo de agora candidato provisional, xa que a proclamación definitiva de candidatos/as non se producirá ata o venres día 26 de outubro.

Obxectivos a curto/medio prazo

Caso de lograr a confianza da Xunta de Facultade o primeiro obxectivo do novo equipo será, secundo recalcan, recuperar “a ilusión e o orgullo” de pertenza a este centro. “Non nos podemos esquecer que esta facultade é, dentro da Universidade de Vigo, a segunda en número de alumnos e alumnas; nela conviven grandes docentes e investigadores recoñecidos a nivel internacional; dela saíron estudantes que hoxe ocupan postos moi importantes, tanto no ámbito económico como no empresarial, e todo iso hai que polo en valor”, explica o cabeza de lista da candidatura.

Aclarando que darán continuidade a todo o bo traballo  que realizou o equipo saínte, incluídos os proxectos de docencia en inglés e o programa piloto de mentorización que se está a levar a cabo no Grao en Economía, o novo equipo fai fincapé na necesidade de mellorar tamén as ferramentas dirixidas a facilitarlle ao alumnado o tránsito ao mercado laboral, para o que tentarán incrementar as relacións da facultade co mundo económico, empresarial e xurídico da contorna. “Debemos abrinos ao mundo real porque pensamos que iso xerará máis oportunidades aos nosos alumnos e alumnas e tamén aos nosos docentes”, aclara Falagán, ao tempo que recalca a idea de que, se ben os estudos de ADE, Economía e ADE-Dereito son dos máis demandados, son tamén nos que existe máis competencia na oferta de titulados e tituladas.

Un terceiro obxectivo será para o novo equipo decanal o da captación de alumnado. Tentarán, neste senso, que todas as titulacións do centro, incluídos os mestrados, cubran a oferta nos primeiros prazos e coa maior nota de corte posible.