DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa obra ‘El jardín olvidado’ foi a seleccionada polo xurado do certame E CA de Riba-roja

O profesor Jorge Lens gaña un premio internacional de fotografía

Coas naturezas contraditorias como temática, o certame recibiu un milleiro de candidaturas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 24/10/2022

El jardín olvidado, unha imaxe que se detén nas contradicións entre unha paisaxe idílica e outra “caótica e real”, como sinala, converteu ao fotógrafo e profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Jorge Lens no gañador do primeiro Premio Internacional de Fotografía E CA de Riba-roja de Túria. Promovido por este concello valenciano, en colaboración coa Generalitat e o Institut Superior D´Ensenyances Artistiques, e coordinado pola revista de artes visuais e cultura contemporánea Makma, trátase dun certame internacional impulsado por primeira vez neste 2022 coas “naturezas contraditorias” como eixo temático, ao que se presentaron preto dun milleiro de traballos, procedentes de diferentes países. 

Partindo desa idea das “naturezas contraditorias”, Lens presentou a este certame unha fotografía tomada neste 2022 nos arredores de Vigo, na que a visión “dunha paisaxe clásica, que nos leva un pouco á idea dun xardín” e que se ve reflectida nun cadro depositado no chan, contrasta coa "paisaxe de verdade, caótica e real” que lle rodea, explica. “O mundo, a natureza, a sociedade e o ser humano son contraditorios e encántame poder ser testemuño deste absurdo, deste punto de contradición que todos temos”, sinala Lens dunha obra que responde ao seu interese pola “paisaxe contemporánea” como motivo fotográfico, “É un tema que sempre me interesou moito; a evolución da paisaxe e as súas contradicións, as paisaxes inventadas e construídas e a as historias surrealistas que podes atopar ás veces neles”, apunta o gañador deste premio.

Un xurado con ampla traxectoria

Alén do seu propio interese pola temática que centraba este certame, Lens recoñece tamén o interesante dun “premio non moi coñecido, porque é a súa primeira edición, pero importante tanto pola súa dotación, como pola traxectoria dos membros do seu xurado”, cuxo fallo deuse a coñecer este luns. De decidir o nome dos gañadores e gañadoras de catro premios económicos que suman no seu conxunto 11.000 euros encargáronse, nese senso, a directora de PhotoEspaña, Claude Bussac; a premio nacional de fotografía Ana Teresa Ortega; o fundador da galería Espaivisor e director do máster de Fotografía da Universitat Politécnica de València, Pep Benlloch; o o director do ECA, Paco Caparrósm e o xornalista cultural e director de Makma, Salva Torres.

A fotografía pola que Lens resultou merecedor dun premio de 5000 euros, xunto coas cen seleccionadas como finalistas neste certame internacional, reuniranse así mesmo na exposición Naturalezas contraditorias, que este xoves se inaugura no Espai d´Art Contemporani E CA de Riba-roja.