DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente e artista protagoniza a mostra ‘NOS[ YO ]OTROS’ no museo Artium de Vitoria

O profesor Juan Carlos Meana explora as tensións entre o individuo e o colectivo na súa maior exposición

Integrada por preto de 60 obras realizadas nos últimos anos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/07/2019

Preto de 60 obras, que indagan sobre as ideas de identidade e comunidade, sobre as tensións entre o individuo e o colectivo, integran NOS [ YO ] OTROS, a exposición que o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Juan Carlos Meana protagoniza no Centro-Museo Vasco de Arte Contemporánea Artium, en Vitoria. Articulada en seis series, que conviven e se relacionan nas diferentes salas da mostra, trátase da maior exposición individual dedicada a este artista e docente, na que se presentan unha serie de creacións realizadas por Meana ao longo dos últimos catro anos.

“As obras toman formulacións novas, pero sigo cos temas de sempre, a identidade, a comunidade, o suxeito fronte ao colectivo...”, salienta Meana, natural de Vitoria, sobre unha exposición que poderá visitarse ata o 15 de setembro e que foi producida por Artium con José Ángel Artetxe como comisario. Non obstante, aínda que a exposición presenta a produción artística máis recente do docente do Departamento de Pintura, tamén inclúe unha peza de vídeo do 2007 ou unha fotografía e unha peza escultórica de 2012. “Interesábame que se vise unha continuidade con traballos anteriores”, recoñece Meana respecto dunha exposición que, nese senso, é o resultado da “continuidade natural” coas que foi abordando, desde a práctica artística, unha serie de temáticas. “Se antes traballei moito co mito de Narciso, por exemplo, e coa identidade individual, agora é o grupo e a violencia que xera fronte ao individuo, esa tensión, o que me interesa”, engade o artista.

NOS[ YO ]OTROS, recolle o texto de presentación desta exposición, “trata sobre a relación do individuo, do suxeito coa comunidade”, unha relación “non sempre cómoda, a veces conflitiva, que marca os límites identiarios”. Unha relación que Meana aborda a través dunha serie de instalacións nas que, engade o texto, “acrecenta o uso de medios, técnicas e disciplinas”. Así, xunto a “elementos recoñecibles” da súa produción artística, como o uso de hastas de bandeira ou espellos, a exposición descubre tamén instalacións nas que fai uso de balas, como exemplos de “violencia extrema do sistema”, de ferramentas de medición ou de barras de xabón, coas que o artista alude aos “conflitos ante os cales lavamos as mans”.

Seis series que conviven e se relacionan

Ao longo de 1300 metros cadrados de espazo expositivo, NOS[ YO ]OTROS presenta esta serie de obras articuladas en seis series que “interrelaciónanse e cobran eco unhas xunto a outras”, explica o artista. De feito, son series que foron nacendo “a medida que o traballo avanzaba” e que conviven nas diferentes salas da mostra. Trátase de Laboratorio de conflictos, Comunidad, Pertenencia, Asépticos, Después de Narciso e Creencias, seis propostas que, como apunta o artista reúnen obras nalgúns casos máis próximas á idea de suxeito e noutras á de comunidade. “Creo que amplifican a lectura e o sentido das obras enriquécese”, engade o artista.