DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Juan José Rodríguez Andina, elixido presidente da IEEE Industrial Electronics Society

IEEE é a maior asociación profesional no ámbito da enxeñaría eléctrica e electrónica

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Académica
M. Del Río DUVI 02/11/2023

Hai xusto un ano, o profesor do Departamento de Tecnología Electrónica Juan José Rodríguez Andina era nomeado membro 'fellow' do Institute of Electrical and Electronics Engineers, IEEE. Agora a súa traxectoria acada un novo éxito ao ser nomeado presidente electo da IEEE Industrial Electronics Society (IES), unha das principais sociedades que conforman o IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers).

Como el mesmo explica, o IEEE é “a maior asociación profesional no eido da enxeñaría eléctrica e electrónica e áreas afíns”. Con máis de 400.000 membros en todo o mundo, está organizada en algo máis de 40 sociedades, sendo a Industrial Electronics Society (IES) “unha das de maior tamaño e crecemento”. Andina ostentará o cargo de presidente electo durante os dous próximos anos e pasará a converterse en presidente durante o período 2026/2027. Este é o sistema de elección que se aplica nas sociedades que forman parte do IEEE e que, como destaca Rodríguez Andina, permite “garantir un funcionamento estable e unhas transicións de liderado suaves”. 

IES, unha sociedade que aposta pola equidade e a diversidade

De entre as sociedades que conforman o IEEE, a Industrial Electronics Society destaca non só polo seu tamaño e potencial de crecemento, senón tamén, como indica o docente da UVigo, “polo número e calidade dos seus congresos, publicacións e actividades técnicas, así como polos seus esforzos en favor da equidade, a diversidade e a inclusividade”. Exemplo disto é o programa de promoción e divulgación Women in IES, que visualiza as achegas das mulleres no eido da electrónica industrial, o programa de axudas a estudantes e novos profesionais para a súa participación en cursos e congresos, ou as iniciativas humanitarias para levar a tecnoloxía a zonas subdesenvolvidas e mellorar a vida dos seus habitantes, respondendo así ao lema de IEEE Advancing Technology for Humanity.

Unha longa traxectoria no IEEE

O profesor Rodríguez Andina conta cunha longa traxectoria no Institute of Electrical and Electronics Engineers e na Industrial Electronics Society. Entre 2013 e 2015 foi editor xefe da IEEE Industrial Electronics Magazine, unha das revistas de maior impacto a nivel mundial neste eido. A partir dese momento comezou a exercer como vicepresidente para Conference Activities da IEEE Industrial Electronics Society, cargo que ostentou ata 2021. Ademais, en 2020, a IEEE Industrial Electronics Society recoñeceu a súa excelencia académica e investigadora outorgándolle o Anthony J. Hornfeck Award, un galardón de gran prestixio en este ámbito, que a IEEE Industrial Electronics Society outorga dende 1979. En 2022 converteuse en membro 'fellow' do Institute of Electrical and Electronics Engineers, IEEE, unha categoría que cada ano só acada o 0,1% dos membros desta asociación.