DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É un dos 20 expertos seleccionados para un grupo de traballo impulsado pola EIP-Agri

O profesor Juan Picos, recrutado pola UE para abordar a mobilización de biomasa forestal

Desde este martes, participa en Finlandia na primeira reunión desta iniciativa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 20/06/2016

Como mellorar a mobilización sustentable de biomasa nos bosques da UE? Esta é a pregunta á que a partires deste martes tratarán de achegar respostas os 20 expertos e expertas de 15 países que integran o grupo de traballo impulsado pola Asociación Europea de Innovación de Agricultura Produtiva e Sustentable (EIP-Agri), que administra a Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, co propósito de afondar en como potenciar o uso da biomasa forestal con fins enerxéticos e de innovación. Un grupo para o que, nunha convocatoria aberta, presentáronse máis de 200 candidaturas e do que forma parte o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos, que desde este martes 21 participa en Tampere (Finandia) na súa primeira reunión de traballo.

Múltiples factores no camiño do monte á industria

“A crecente demanda de biomasa forestal para usos enerxéticos e as recentes conclusións do Cumio do Clima”, celebrado en París, “levaron á Unión Europea a poñer o foco nos bosques, que cobren o 38% do territorio comunitario”, explica Picos do eixo central dun dos focus group impulsados por EIP-Agri no marco da estratexia Europa 2020 e do que forman parte tanto investigadores como propietarios forestais, representantes de organizacións agrícolas, produtoras ou industriais. Identificar factores que poidan estimular ou limitar esa “mobilización sustentable” de madeira e biomasa forestal, tendo en conta que, como explica este investigador, “segundo a Comisión Europea, a súa demanda vaise incrementar nos próximos anos, non só no sector enerxético senón tamén noutras áreas innovadoras” é nese senso o propósito deste grupo de expertos, que ao longo do próximo ano traballará na elaboración do informe que servirá como punto de partida para o traballo dos grupos operativos que a partir de entón porá en marcha a EIP-Agri co propósito de “promover a innovación no medio rural adaptando, adaptando a demanda sectorial a través de proxectos concretos”.

De aí que o propósito deste grupo de traballo sexa afondar en factores como “a competitividade das industrias forestais, a eficiencia e viabilidade económica e a fragmentación da propiedade dos bosques”, dous dos “maiores retos do sector”, como salienta Picos, así como naqueles aspectos normativos, económicos ambientais ou de infraestruturas que se engloban dentro desa idea da “mobilización” dos recursos forestais que centra o labor deste grupo de traballo. Non en van, como sinala o secretario académico da EE Forestal, “a mera existencia de madeira e biomasa nos montes non garante que sexan unha fonte real de subministro”, xa que esta ven condicionada por esta serie de factores, así como pola necesidade de que existan “propietarios forestais activos, interesados en producila e poñela no mercado”.

Así mesmo, entre as liñas de traballo deste focus group figura tamén analizar o papel que pode xogar a innovación e a transferencia para promover esa mobilización sustentable da biomasa, o estudo de como mellorar a cooperación entre pequenos propietarios neste eido ou de como vincular a oferta e a demanda “por exemplo, coas ferramentas de márketing electrónico”. Unha cuarta tarefa, engade Picos, “consiste en propor accións innovadoras” na xestión da biomasa forestal, ao que se suma a identificación “doutras necesidades de investigación e innovación” e o transvase de ideas aos outros grupos de traballo impulsados no marco deste proxecto. Nese senso, Picos pon de relevo a importancia que outorga formar parte destes focus group, xa que “abre moitas portas á hora de crear ou unirse a novos consorcios europeos” e de presentarse a iniciativas impulsadas ao abeiro da estratexia Horizonte 2020.