DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pechou a súa intervención coa proxección do vídeo dos lagartos en Cíes

O profesor Luis Navarro descobre os ladrillos da biodiversidade no ciclo ‘A Carón da Ciencia’

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 15/12/2010
A diversidade dun ecosistema non se debe medir polo número de especies que o habitan, senón polo número de interaccións que se producen entre elas. Así o defendeu o profesor Luis Navarro, coordinador do grupo de investigación de Ecoloxía e Evolución das Prantas, na conferencia Os ladrillos da biodiversidade unha actividade enmarcada dentro dos actos de conmemoración do Ano Internacional da Biodiversidade.

Nunha intervención salpicada de exemplos de como se poden predicir cambios en especies grazas ao uso de redes complexas, Navarro deu boa mostra da forte aposta pola divulgación da ciencia que está a levar a cabo o seu grupo de investigación, un equipo centrado na conservación de especies e protección de ecosistemas ameazados. Nesta liña, Navarro aproveitou esta cita para proxectar o seu xa ‘famoso’ vídeo dos lagartos no que se explica como estes animais contribúen á biodiversidade trasladando as sementes pola illa.

Esta actividade contou tamén coa participación da directora da Oficina de I+D (OTRI), Ángeles López Lozano, que resaltou a importancia de que os traballos dos investigadores da Universidade sexan coñecidos pola sociedade en xeral “o único modo para que esta se interese polos temas científicos e tecnolóxicos e aumentar así a cultura científica da nosa contorna”.

Esta charla pechou a edición 2010 do programa divulgativo da Universidade de Vigo A carón da Ciencia que organiza a Unidade de Cultura Científica co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e a colaboración da Fundación Pedro Barrié de la Maza.