DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este sábado asina exemplares en El Corte Inglés

O profesor Manuel Burgos recolle as súas experiencias en "Reflexiones de un maldito poli"

Os beneficios irán destinados a Aldeas Infantís e aos orfos da policía

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 16/04/2009

Fillo dun policía “á vella usanza”, avogado, criminólogo, policía e docente, Manuel Burgos aproveitou o seu fondo coñecemento do Dereito e do mundo policial para editar a obra Reflexiones de un maldito poli, un volume no que recompila os artigos xornalísticos que foi escribindo para o xornal Atlántico Diario ao longo dos últimos dez anos.
Este sábado pasará a tarde asinando exemplares en El Corte Inglés, onde se distribúe o volume, e anima a todos os interesados a achegarse e facerse cunha copia do volume, “pois todos os beneficios irán destinados a partes iguais entre Aldeas Infantís e os orfos da policía”.
Inspector xefe do Corpo Nacional de Policía durante trinta anos, a última época como xefe do primeiro grupo de menores que se estableceu en Galicia, abandonou as rúas polas aulas e leva dez anos impartindo clase na Universidade como profesor de dereito penal e criminoloxía, tanto en Dereito coma nos títulos propios de Ciencias Policiais e Detective Privado, “unha experiencia que me encheu dende o principio e que me permitiu coñecer unha xuventude distinta á que estaba acostumado a tratar”.
Aos seus alumnos recoméndalles “que tomen os estudos con cariño e que o importante é traballar naquilo que máis lles guste”. El fíxoo, foi un policía vocacional, “pois só desde a vocación xorden bos profesionais”. Agora, avalado por anos de experiencia, recolle neste volume as súas reflexións, as laborais, pero tamén as persoais, “a miña particular visión sobre a realidade social, económica e política dos últimos anos”.

A obra achega información práctica ao cidadán

O primeiro capítulo, Mulleres que amei ou quixera ter amado, é un canto a imaxinación e nel atopámonos actrices e modelos ás que lle gustaría ter coñecido, pero vai máis alá “aproveito todos estes artigos relacionados co amor e o afecto para criticar certos feitos como a movida nocturna”.
O libro ten tamén unha finalidade informativa, por exemplo, no capítulo Okupas de luxo, o autor fai referencia a un fenómeno crecente na nosa sociedade referido a mozos de boa posición económica que se dedican a alugar pisos sen intención de pagar. “É importante alertar á poboación sobre a existencia deste fenómeno e darlle pautas sobre cómo actuar ante este tipo de individuos”.
Na mesma liña divulgativa, o capítulo En defensa das damas, critica a violencia de xénero e dá consellos á muller maltratada. “Falo tamén do síndrome do zángano, o medo que comezan a ter os homes de que as mulleres vaian tendo cada vez máis responsabilidades no ámbito laboral”, recalca Burgos. Tamén dá recomendacións en Os nosos fillos e os dos outros, un apartado no que afonda nos problemas que se dan entre os fillos e os pais, achegando suxerencias que poden axudar a saber como actuar ante determinadas situacións (acoso escolar, problemas da adolescencia...).

Recolle seguimento de casos como os de Sara Alonso ou Madelaine McCann

Como non podía ser doutra maneira, os temas xurídicos e policiais constitúen un dos puntos fortes da obra. Aos comentarios de sentenzas e actuacións policiais que chamaron a atención de Burgos, súmanse os seus apuntamentos sobre técnicas de investigación e seguimento de certos delitos. Incluíu tamén numerosos artigos co seguimento de casos tan coñecidos coma os de Rodríguez Menéndez, Sara Alonso, Madelaine McCann ou o Solitario.
Sempre co humor e a ironía como punto de partida, a obra concíbese tamén como crítica ao poder, tanto a nivel nacional como internacional. Neste aspecto, teñen cabida cuestións como unha crítica ao réxime castrista ou un repaso das diferentes guerras dos últimos anos e do seguimento mediático que tiveron.
Radiografía psico e sociolóxica, a obra refírese tamén ás novas relixións e a toda proliferación de santos que curan e ven o futuro “e a gran dependencia que a sociedade empeza a ter deste tipo de xente”. Tampouco se esquece do sistema psiquiátrico español “un fracaso que está derivando nun enorme número de desenlaces tráxicos”.
Desde un ámbito máis persoal, Burgos dedica un capítulo da obra ao “seu lugar idóneo”, praia América, e outro a todas aquelas persoas que deixaron pegada na súa vida.