DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor electo de Relacións Internacionais participou no acto de clausura das Aulas I+D+i

O profesor Manuel Fernández amosoulles a escola do futuro aos investigadores noveis

Subliñou como as novas tecnoloxías van revolucionar a maneira de aprender e de ensinar

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 17/06/2010

Asegura Manuel Fernández Iglesias, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e vicerreitor electo de Relacións Internacionais, que as novas tecnoloxías van revolucionar a maneira de aprender e de ensinar e que, nesta contorna, “o coñecemento que se xera a partir das relacións entre as persoas será cada vez máis importante fronte aos contidos dos libros de texto”. Afirma tamén o docente que a capacidade de investigar e de descubrir cousas “valorarase cada vez máis, así como o feito de que os rapaces e rapazas sexan quen de enfrontarse a tarefas que non teñen un resultado coñecido previamente”. Así o subliñou este xoves no acto de clausura da iniciativa Aulas I+D+i, unha experiencia pioneira orientada ao desenvolvemento das competencias tecnolóxicas e dixitais entre os estudantes de Ourense e a súa provincia. O proxecto foi desenvolvido pola empresa Intellectia Bank co patrocinio do Parque Tecnolóxico de Galicia e no mesmo participaron medio centenar de rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos e pertencentes a cinco institutos de ensino secundario e a catro colexios privados.

Investigadores mozos que desenvolven proxectos pioneiros

Os mozos e mozas participantes nas aulas reuníronse cada xoves pola tarde dende o mes de xaneiro na Tecnópole para deseñar e avanzar nos seus proxectos coa axuda e a supervisión de científicos e investigadores das tres universidades galegas e dos expertos da empresa Intellectia Bank. No acto de clausura das Aulas I+D+i estes investigadores noveis tiveron a oportunidade de presentar os seus traballos, dende un prototipo de sonda espacial e un armario intelixente ata un sistema de produción de enerxía mediante biomasa e varias aplicacións para web 3.0.
Nesta contorna a intervención de Manuel Fernández serviu para expoñer o proxecto "iTEC Innovative Technologies for an Engaging Classroom", unha ambiciosa iniciativa que ten como obxectivo principal deseñar os escenarios docentes de primaria e secundaria da próxima década e na que participan, ademais da Universidade de Vigo, 26 universidades e empresas tecnolóxicas europeas. No acto o profesor Fernández Iglesias estivo acompañado por Luis Anido, director da área de Innovación Educativa da Universidade de Vigo e responsable do citado proxecto e por María Lameiras, vicerreitora electa do campus de Ourense.
Na súa intervención, Fernández Iglesias sinalou que as TIC traerán consigo cambios na maneira de ensinar “cunha aprendizaxe baseada en proxectos”, esixirán unha maior participación dos pais nas tarefas educativas, deseñarán cambios nos espazos de ensino e incorporarán novos artefactos e aplicacións “como os encerados interactivos e as tecnoloxías multitáctiles, así como a integración do material existente na aula cos dispositivos dos estudantes, como os teléfonos móbiles e os ordenadores portátiles”, entre outros.

Formación dos profesores no eido das TICs

Fernández Iglesias asegurou que a formación continua dos profesores “pasa a ter un papel fundamental” para desenvolver o seu papel de facilitadores. Nas súas palabras, “os docentes deberían ser capaces de transmitir aos estudantes os aspectos positivos da utilización das novas tecnoloxías e a súa contribución a unha experiencia formativa máis satisfactoria e de maior calidade”. Os estudantes, pola contra, pola súa idade e o momento vital no que están, é o grupo para o cal a adaptación ás TICs vai ser máis sinxela. “A adaptación do estudante pasa por asimilar os usos da tecnoloxía que contribúan ou faciliten o seu desenvolvemento como persoas e para iso é necesaria a colaboración de todos, pais e educadores”, declarou.
O docente revelou que o plan de traballo previsto no proxecto prevé levar adiante unha proba piloto a gran escala –máis de 1000 clases en 12 países distintos- “para ver o impacto real no proceso de ensino e aprendizaxe”. Isto permitiralles aos promotores da iniciativa investigar que habilidades necesitan os profesores das clases do futuro para proporcionarlles a formación necesaria “e avaliar ata que punto os resultados soportan tanto a aprendizaxe individual como a colaboración, a creatividade e a expresividade”, afirmou.