DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As entidades organizadoras traballan nun convenio que permita institucionalizar esta colaboración

O profesor Montero Reguera participa na Sorbona nun coloquio internacional sobre “o desengano” na literatura do Século de Ouro

Con relatorios de especialistas de 16 universidades entre onte e mañá xoves

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/06/2023

A Universidade da Sorbona está sendo esta semana sede dun coloquio internacional titulado Nos, el desengaño, que aborda o desencanto na literatura e o mundo hispánico. O decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera é un dos poñentes desta cita internacional na que expoñen os seus traballos especialistas de 16 universidades de Francia, España, Italia, Arxentina e México.

Organizado por María Zerari, da Universidade da Sorbonne; Paloma Bravo, da Sorbonne Nouvelle; Michele Guillemont, da Universidade de Lille; e o profesor José Montero Reguera, ao longo de tres xornadas as e os investigadores abordarán as definicións, modalidades e representacións do desengano así como a súa evolución nos séculos XVI e XVII. O obxectivo do encontro é analizar e e redefinir "o desengano e o desencanto nas súas diversas manifestacións textuais -e non pictóricas ou plásticas-, a través dos diferentes significados que os textos do Século de Ouro lle puideron conferir", destacan os organizadores

Montero Reguera explica que a organización de simposio internacional “é froito da cooperación destas universidades”, unha relación que agarda se poda consolidar coa sinatura dun convenio “que sustente no tempo este tipo de colaboracións”. De feito, esta relación vén de lonxe e xurde “dos intereses e traballos comúns que levamos adiante a profesora Zerari máis eu arredor de Cervantes: compartimos mestres (Augustin Redondo), eidos de publicación (poesía de Cervantes, reescrituras cervantinas....) e gañas por dar pulo ao cervantismo nas nosas universidades”.

Ademais, as catro universidades organizadoras, engade do docente da UVigo, “comparten profesorado de recoñecido prestixio na literatura, lingua e cultura española do século XVII”. Para a Facultade de Filoloxía e Tradución, “unha illa nun océano de tecnoloxías e ciencias varias pero unha facultade de excelencia con profesorado, proxectos e actividades de recoñecido prestixio, esta colaboración reflicte “esta excelencia xuntando unha das universidades máis antigas de Europa (creada no século XIII) coa nosa, nova pero que medra no mellor dos camiños (a excelencia) no sentido xeneralista da Universidade en todos os ámbitos do saber”.

A idea, a partir deste coloquio, será “xerar un espazo de diálogo, traballo e publicación con carácter anual ou bianual” e, de feito, xa se atopan traballando na preparación da edición 2024 desta cita. 

Tres días de debates

A primeira xornada, onte martes, foi inaugurada pola decana da Facultade de Letras, Béatrice Perez e comprendeu diversas sesións. A primeira delas, sobre o século do desengano, con relatorios como Reformación y restauración: del ideal reputacionista al desengaño del Imperio español ou Reformación y restauración: del ideal reputacionista al desengaño del Imperio español. Unha segunda sesión, titulada Saber es desengaño, incluíu reflexións sobre a ficción satírica e o desengano no Século de Ouro ou sobre Democrites ridens como unha representación do desengano na época moderna. Tras o xantar retomouse o debate, desta volta cunha mesa sobre desenganos cervantinos, na que participou o profesor Montero Reguera, xunto con Augustín Redondo, da Université Sorbonne Nouvelle e decano dos hispanistas franceses, que abordou na súa intervención a figura de Don Quijote entre o engano e o desengano.

Hoxe mércores, o coloquio comprenderá catro mesas de debate: Desengaños, reformación de costumbres y santa doctrina; Máscaras del desengaño; Amargos balances e Otros desengaños políticos. A xornada rematará xoves con outras catro sesións: Espejos de desengaño; Desengaños en estilo culto; ¿Recrear el desengaño? e Hacia el desengaño ilustrado.

Ademais, o profesor Montero Reguera viaxa tamén esta semana a Estados Unidos para participar como poñente no Global Cervantes, o congreso cervantino que organiza a Princeton University.