DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina

O profesor Peter Kraus, da Universidade de Helsinki, avoga por un estado multilingüe, que supere a diglosia e recoñeza ás minorías

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 21/05/2009

Despois de 20 anos, Peter Kraus regresa á cidade olívica para ofrecer unha conferencia sobre Identidades lingüísticas e política en Europa, organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina. Deste xeito, o profesor da Universidade de Helsinki faloulles aos estudantes e docentes, que se deron cita esta mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución, de conceptos como plurilingüismo cultural, recoñecemento e diglosia ou da relación lingua-estado.
Para comezar a súa exposición, a modo dun breve resumo, amosou un mapa político de Europa, “ofrecendo unha visión das diferentes unidades uniformes que o compoñen”; un esquema onde “se pon de manifesto o nacionalismo metodolóxico”, sinala Kraus. Neste senso, o profesor apuntou o significativo de que o nome de cada unha das unidades estea directamente conectado coa lingua maioritaria do país, “unha cuestión que distingue a Europa doutras rexións do mundo”, exceptuando os casos de Bélxica, Suíza, Austria e Reino Unido. Kraus sinalou dúas cuestións importantes da lingua dentro do contexto político: o pasado e o futuro, “o legado do pasado intercalado cos retos da actualidade”, apuntando neste caso ao “efecto inmigración”.

A lingua no proceso de formación dos estados

O profesor remarcou que a lingua é “un importante indicador de integración social e política”, que se pode medir en torno a dous eixes, “un identitario e outro que pon de relevo a importancia da lingua no proceso de construción dos estados”. A diferenza doutros continentes Europa só conta con 225 linguas vernáculas, mentres que en América rexístranse 1000 e 2000 en Asia. Non obstante, “a diferenza lingüística en Europa é importante, ao ser un espazo de converxencia de culturas lingüísticas e políticas, non así noutras rexións”, explica Kraus.
No continente europeo os estados perseguen un programa de estandarización lingüística, “trátase dun imperativo para os gobernos, de aí a importancia da lexitimidade política, que cada pobo fale unha lingua”, aínda que ao fin “isto é un modelo máis teórico que real”.

Minorías, recoñecemento e diglosia

Segundo o profesor, de orixe catalá, “a cuestión da diversidade chegou a ocupar un posto central na teoría da democracia”. O recoñecemento desta identidade específica foi esencial para “conciliar diversidade cultural e cidadanía democrática”. A lingua ten, neste senso, dúas funcións inseparables, “un vínculo social e unha fonte de autoestima”, asegura Kraus.
A lingua é interactiva, non se pode separa o individual do colectivo, “un debe verse como parte dunha contorna social; trátase dun recurso para a comunicación que nos vincula a unha comunidade, mediante un nexo que transcende ao colectivo”. Na mesma liña, o profesor sinalaba que “unha política lingüística debe superar a diglosia, motivo sempre de conflito,” e para o cal os estados deben establecer unha serie de estratexias “co obxectivo de acomodarse ao multilingüismo”.

Estratexias do estado para adaptarse ao multilingüismo

A nivel oficial, Kraus sinalou a existencia de catro tipos de estado plurilingüe. O primeiro deles, o modelo máis elemental, “é aquel no que existen normas que protexen ás minorías lingüísticas; grupos moi reducidos, como os Sorbs no leste de Alemaña”. Autonomía lingüística é o segundo dos modelos, “de onde parte o conflito lingüístico existente en España, pois recoñécese a igualdade das linguas pero dentro dunhas delimitacións territoriais”. O terceiro tipo adoptado é o de federalismo lingüístico, “no que dúas ou máis linguas reciben o recoñecemento de lingua estatal, intercalándose a diversidade lingüística coa segmentación política”, Bélxica e Suíza son dous claros exemplos; “é aquí onde impera a lóxica do Estado de Nación”. Finalmente atópase o modelo “máis raro e, á vez, máis ambicioso”, o bilingüismo institucional, “no cal todo o territorio do estado é bilingüe”, como é o caso do sueco e o finés en Finlandia.