DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas inaugúranse esta tarde na Casa Galega da Cultura

O profesor Rafael Vallejo coordina un ciclo de conferencias sobre o papel de Galicia na Guerra da Independencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 07/05/2009

Analizar o papel que xogou Galicia na Guerra da Independencia desde un punto de vista local, vigués e galego, pero non localista. Con este obxectivo a Casa Galega da Cultura acolle desde hoxe o ciclo de conferencias Ciudades en guerra, 1808-1814, Galicia en la Guerra de la Independencia.
Durante o ciclo, coordinado polo profesor de Historia e institucións económicas da Universidade, Rafael Vallejo Pousada, sete especialistas ilustrarán a dimensión nacional da guerra e a revolución, as xestas militares e os condicionantes estruturais que limitaron o control de Galicia polo exército napoleónico. As conferencias, abertas ao público, celebraranse todos os martes e xoves do mes de maio no salón de actos da Casa Galega da Cultura ás 20.00 horas.

Sete conferencias nun mes

O encargado de inaugurar as xornadas, esta mesma tarde, será o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega, que impartirá o relatorio Guerra e revolución en Galicia: a batalla ideolóxica.
Xunto ao profesor Vallejo, que ademais de coordinar as xornadas impartirá un relatorio o xoves 14 de maio, outros docentes da Universidade achegarán os seus coñecementos sobre a efeméride. Luis Domínguez Castro, profesor de Hª Contemporánea, intervirá o martes 19 co relatorio A guerra en Galicia e a Reconquista de Vigo, no que abordará a expulsión do exército francés da cidade. Xa nun ámbito máis concreto, o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, Gonzalo Méndez, centrarase na cartografía militar durante esta época histórica.
Xunto a eles participarán tamén outros prestixiosos profesores. Juan Francisco Fuentes, da Universidade Complutense de Madrid, intervirá o vindeiro martes e Xosé Manuel Núñez Seixas , da Universidade de Santiago de Compostela, farao o xoves 21. O encargado de pór o colofón, o 28 de maio, será o historiador británico Ronald Fraser, que se centrará nas vivencias do pobo durante a guerra.

Ao abeiro do Bicentenario

O ciclo de conferencias forma parte dun completo programa de actividades deseñado polo Concello de Vigo e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, SECC, para recordar o bicentenario da Reconquista de Vigo e da Guerra da Independencia en Galicia e que inclúe, ademais, dúas exposicións, un ciclo de concertos e a versión concerto da ópera de Garay Compendio sucinto da Revolución Española.

Programa do ciclo (124 Kb)