DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será a partir de xaneiro o editor xefe da IEEE Industrial Electronics Magazine

O profesor Rodríguez Andina coordinará unha das revistas de enxeñaría eléctrica e electrónica de maior impacto mundial

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/12/2012
Unhas das revistas de enxeñaría eléctrica e electrónica máis influentes e de máis impacto do mundo estará dirixida, a partir de xaneiro, por un docente da Universidade de Vigo, o profesor Juan José Rodríguez Andina. A IEEE Industrial Electronics Magazine é unha das publicacións de máis prestixio neste campo polo que o docente destaca que se trata “dunha satisfacción persoal pero tamén, dende o punto de vista profesional, una recoñecemento á miña traxectoria tanto na vertente investigadora como na de xestión”. Apunta que, ao tempo, é “un reto moi ilusionante pero de gran responsabilidade”, xa que pasará a ser o máximo responsable dunha das cinco revistas de maior impacto no eido enxeñaría eléctrica e electrónica, segundo a edición 2012 do Journal Citation Report, o listado de referencia a nivel mundial para avaliar a calidade das publicacións científicas que, no eido da IEEE Industrial Electronics Magazine, inclúe unhas 250 revistas internacionais.

No tocante á súa difusión, distribúen entre 6000 e 7000 exemplares en papel a profesionais ademais de estar dispoñible na plataforma dixital IEEE Xplore, na que é unha das publicacións máis visitadas.

Unha relación que ven de longo

A partir do 1 de xaneiro Rodríguez Andina ocupará o cargo de editor xefe, sendo o máximo responsable tanto no que respecta aos contidos a publicar como da coordinación do traballo dos membros do consello editorial e o persoal administrativo de apoio. O profesor lembra que nesta revista publícanse “tanto artigos de investigación como divulgativos, para unha audiencia dun perfil marcadamente tecnolóxico”, así como noticias relativas á profesión, polo que “é necesario acadar un equilibrio de contidos que permita satisfacer as demandas dos lectores, que se distribúen por todo o mundo”. Entre os membros do Consello Editorial figura unicamente outro profesor dunha universidade española.

Pero a relación de Juan José Rodríguez Andina con esta publicación ven de lonxe xa que leva máis dunha década colaborando coa IEEE Industrial Electronics Magazine, edición auspiciada pola IEEE Industrial Electronics Society. Dende 2007 é membro do Consello de Administración, e nese mesmo ano foi coordinador xeral do congreso ISIE2007, celebrado en Vigo, “que foi o maior evento deste tipo relacionado coa electrónica industrial celebrado aquel ano”. En
2009 incorporouse ao Consello Editorial da revista, en calidade de coordinador de contidos de información xeral, así como de editor asociado, responsable da avaliación dos traballos de investigación relacionados coa súa área de traballo.