DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sociedade forma parte da maior asociación profesional tecnolóxica mundial, con 400.000 membros

O profesor Rodríguez-Andina, nomeado vicepresidente da IEEE Industrial Electronics Society

Ata agora era editor xefe dunha das revistas de maior impacto mundial en enxeñaría eléctrica e elect

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/12/2015

Juan Jose Rodríguez-Andina, profesor do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, leva dende 2013 á fronte da IEEE Industrial Electronics Magazine, unha das revistas de maior impacto a nivel mundial no eido da Enxeñaría Eléctrica e Electrónica. Despois de tres anos como editor xefe, en xaneiro deixará este posto pero asumirá un novo reto, ser vicepresidente para Conference Activities da IEEE Industrial Electronics Society. O docente da Escola de Enxeñería Industrial explica que o IEEE (Institute of Electrical and Electronic Engineers) é a maior asociación profesional tecnolóxica mundial, con máis de 400.000 membros repartidos por todo o mundo, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como lema Advancing Technology for Humanity. Os intereses profesionais dos membros abranguen un moi amplo espectro de áreas técnicas, como enxeñaría eléctrica e electrónica, tecnoloxías da información, ciencias da computación ou intelixencia artificial, entre outras, motivo polo que o IEEE se estrutura en “sociedades” centradas en campos específicos. Unha de elas é a IEEE Industrial Electronics Society (IES), da que Rodríguez-Andina será vicepresidente nos vindeiros tres anos.

Esta sectorial organiza e promove actividades relacionadas coa aplicación dos sistemas de control intelixentes, robótica, comunicacións industriais e automatización da produción, adquisición e procesado de sinais eléctricas, sistemas dixitais avanzados ou electrónica de potencia. Dentro destas actividades inclúese a publicación de revistas especializadas, que se atopan nos primeiros postos nos ránkings internacionais de calidade, e a organización cada ano de tres congresos mundiais de amplo espectro e outros de temas específicos. Lembra o docente que “o maior evento mundial de Electrónica Industrial en 2007 foi a edición de ISIE celebrada en Vigo”, da que el foi coordinador. Paralelamente, IES promove actividades educativas, entre elas o curso de verán que se está a organizar para 2016 de forma conxunta entre a Escola de Enxeñería Industrial de Vigo e North Carolina State University.

Tres anos de traballo intenso

A finais deste ano remata a súa etapa como editor xefe da revista, un tempo que cualifica como “tremendamente enriquecedor”, tanto persoal como profesionalmente. Recoñece que foi unha época de moito traballo pero “na que aprendín moito sobre as interioridades das publicacións científicas” e liderou un equipo de “gran nivel profesional e humano” co que conseguiron levar a revista “a cotas de excelencia aínda maiores que as xa que tiña cando accedín ao cargo”, lembra Rodríguez Andina. De feito, IEEE Industrial Electronics Magazine é unha das cinco revistas de enxeñaría eléctrica e electrónica no “top-ten dos ránkings internacionais de calidade” tanto polo índice de impacto como pola influencia na comunidade científica.

A partir de xaneiro a etapa á fronte da revista deixará paso á xestión de congresos e eventos internacionais organizados por IES en todo el mundo. O docente vigués asume este novo reto con ilusión pero con responsabilidade, e para dar una idea da magnitude da tarefa destaca que “os congresos supoñen para IES uns ingresos anuais de arredor de 2,5 millóns de dólares” que, dado que se trata dun organismo sen ánimo de lucro, se empregan para dar soporte a outras actividades. Entre elas, Rodríguez-Andina pon en valor Smart Village, unha iniciativa que promove o desenvolvemento de zonas con nulo ou moi limitado acceso á enxeñaría eléctrica, mediante a educación e a creación de infraestruturas enerxéticas xestionadas localmente. “A pesar da súa corta vida, os seus programas piloto benefician xa a unhas 50.000 persoas de 34 lugares en Camerún, Haití, la India, Kenya, Nixeria e Sudán do Sur”.

A dificultade de compatibilizar tarefas

Rodríguez-Andina asume este nomeamento como “unha gran responsabilidade, posto que me pon á fronte dunha das áreas de actividade máis importantes de IES”, pero o reto, que define como “ilusionante” é dobre, pola responsabilidade e pola dedicación que require, xa que implica “unha gran carga de traballo persoal e de interacción cos organizadores dos congresos”, ademais de numerosos desprazamentos a diversos lugares do mundo cada ano, para asistir aos principais eventos e reunións. Porén, a súa receita para facer fronte a estas complicacións inclúe “entusiasmo, moitas horas de traballo en actividades que me apaixonan e, sobre todo, a inestimable colaboración dos compañeiros”. Neste sentido destaca a boa acollida que tivo na Universidade o seu nomeamento, que agarda redunde nunha “maior visibilidade e prestixio internacional para a Universidade de Vigo”.