DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participa nunha comisión formada por personalidades como Nils Schmid, ministro de Finanzas alemán

O profesor Santiago Lago, entre os expertos que asesoran a Cataluña sobre un novo concerto económico co Estado

Santiago Lago falou das distintas opcións que ten a comunidade para acadar un novo pacto fiscal

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 23/09/2011

A Universidade de Vigo ‘cóase’ no debate sobre o futuro económico de Catalunya. O profesor de Economía Aplicada Santiago Lago compareceu hoxe ante o Parlamento catalán como un dos 38 expertos chamados a consulta na comisión que estuda o xeito de que esta autonomía acade un novo pacto fiscal co que obter resultados similares aos do concerto vasco. Nos debates, que se celebrarán ata finais de outubro, participan especialistas en dereito e economía maioritariamente cataláns, xa que apenas sete dos poñentes proceden de fóra da comunidade. Entre eles o recentemente nomeado catedrático, a falta da súa publicación oficial no Diario Oficial de Galicia, que comparte protagonismo con destacados expertos como Nils Schmid, ministro de Finanzas de Baden-Würrtemberg, o estado máis rico de Alemaña; Josep Piqué, presidente do Círculo de Economía; ou Carlos Aguirre, conselleiro de Economía do País Vasco.

“Que nos chamen para falar dun tema que lles afecta tan directamente é un recoñecemento á Universidade e ao seu equipo docente e investigador. Con todas as boas universidades que hai en Cataluña que conten con nós é importante”, recorda Lago tras a participación no debate a porta pechada e que durará en total 48 horas en distintas sesións. Chamados polos distintos partidos políticos do Parlamento catalán, os expertos analizarán o ámbito xurídico, fiscal e de financiamento para ver as posibilidades constitucionais de que a comunidade poida importar un modelo económico similar ao do País Vasco e Navarra, amparado nos seus dereitos forais. Un debate no que Santiago Lago puido achegar “unha perspectiva menos influenciada por intereses inmediatos, a de alguén que a ve desde fóra”.

En busca da mellor solución

O primeiro paso que quere dar esta comisión é decidir cal é a relación económica co Estado máis convinte para Cataluña, se modificar a actual ou optar por un cambio radical. Por iso, o catedrático da Universidade de Vigo quixo facer un balance “dos beneficios e dificultades dun concerto propio e das outras opcións” ás que pode acollerse. “Facer unha reforma do sistema actual, remodelado no 2009, é o máis inmediato, a pesares de que é difícil que a norma volva a mudar ata dentro de dous ou tres anos; pero obter un modelo similar ao vasco ou o navarro, aínda que coas súas particularidades, é máis futurista”, subliña Lago.

Ata o próximo 28 de outubro, diferentes expertos pasarán polo Parlamento galego para estudar o marco normativo existente, a posibilidade de dispoñer dun concerto económico, os impostos que deben ceder e ser cedidos, os tipos de xestión tributaria e incluso valorar o actual sistema de financiamento: as balanzas fiscais, o principio de solidariedade ou os criterios de revisión dun novo modelo.