DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina

O profesor vasco Xabier Arzoz afondou na natureza e aplicación dos dereitos lingüísticos en España

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 07/05/2009

Xabier Arzoz, profesor da Universidade do País Vasco, chegou por primeira vez á cidade olívica para ofrecer unha presentación xeral dos dereitos lingüísticos en España. Alumnos e docentes déronse cita esta mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución neste seminario organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina e presentado polo profesor vigués Anxo Lorenzo.
Que son os dereitos lingüísticos e o seu impacto, o modelo lingüístico español e a Carta Europea foron os eixes da súa exposición. Deste xeito, Arzoz optou por comezar definindo os dereitos lingüísticos como “normas xurídicas que as institucións públicas adoptan en relación co uso de unha ou máis linguas en diversos ámbitos” e aclarando que a maior parte deles non son dereitos humanos, senón “basicamente froito dun compromiso político, o que explica a pluralidade de modelos lingüísticos”. Neste senso, propuxo cinco modelos de dereitos lingüísticos baseados en cinco filosofías distintas, así falou do “modelo dereitos humanos”, o “modelo novas minorías”, o “modelo pobos indíxenas”, o “modelo minorías lingüísticas” e o “modelo oficialidade lingüística”.

O modelo lingüístico en España

Arzoz indicaba dous principios básicos no modelo lingüístico español: por unha parte “o monolingüísmo no nivel estatal” e, por outra, “o bilingüismo no nivel autonómico, con seis territorios oficialmente bilingües: Cataluña, Galicia, Illas Baleares, Navarra, País Vasco e Valencia”. Nesta senso, o profesor destacaba que “o modelo lingüístico e o territorial están entrelazados. A institucionalización é positiva en si, pero gobernantes e falantes teñen que compartir a mesma noción sobre o valor intrínseco da lingua propia; do contrario, a constitucionalización redúcese a un marco formal de protección, cunha reducida participación e control do proceso de planificación polos falantes”, explicaba Arzoz.
O investigador sinalou como principais dereitos lingüísticos recoñecidos catro: a dirixirse a calquera administración pública situada en territorio autonómico en ambas linguas oficiais, oralmente e por escrito; a recibir educación e información, por parte dos medios de comunicación, na lingua propia e a desenvolver actividades profesionais, políticas e sindicais da lingua propia.
Respecto da Constitución Española, lembraba que esta non recoñece dereitos lingüísticos, “senón que faculta e obriga ás comunidades autónomas a recoñecer unha dobre cooficialidade lingüística”. Dentro do artigo número 3, que é o que recolle todo o relacionado coa cuestión, “está a clave”, onde se expón, no 3.2, que “as demais linguas –exceptuando o castelán- serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos”. A isto engádeselle unha “terceira categoría de linguas”, aquelas que son protexidas pero non son recoñecidas oficialmente, como é o caso do asturiano, o leonés ou o aragonés.
A día de hoxe existen seis leis de normalización lingüística, das cales cinco se manteñen en vigor dende a súa creación, “cun amplo consenso no seu día”, agás a catalá que foi avanzando e mellorando, sobre todo no ámbito privado. Pola contra, a de Navarra “é máis light: sen preámbulo, minimalista, ambigua e sen consenso entre as diferentes partes”, asegura Arzoz.

Os dereitos lingüísticos como instrumentos de normalización

O profesor apuntaba unha serie de claves para o éxito destes dereitos. Desta maneira, respecto da situación sociolingüística, “os obxectivos deben ser realistas: garantir dereitos aos vascos, galegos e cataláns falantes non é negarllos aos casteláns falantes. O consenso e a progresividade tamén son primordiais, “a política lingüística precisa dun acordo político amplo” e, por outra parte, “garantir os dereitos lingüísticos require unha planificación sólida e sostida da administración”, explica Arzoz, quen aseguraba que “os dereitos non deixan de ser promesas recollidas nun papel”.
Así mesmo, o profesor sinalaba unha serie de avances e problemas dos dereitos lingüísticos. Nos últimos anos rexistrouse un incremento da competencia lingüística da poboación, así como da visibilidade das linguas autonómicas, “pasando do conflito lingüístico á coexistencia lingüística”. Non obstante, tamén se manifestan unha serie de deficiencias, pois “o emprego dunha lingua non aumenta na mesma proporción”, ademais “algúns deses usos son formais e outros non”, ao que se lle engade que “o Estado permanece á marxe da oficialidade lingüística”.

A Carta Europea, o novo impulso aos dereitos lingüísticos

Asinada por 33 estados membros e ratificado por 22, a Carta Europea de linguas rexionais e minoritarias é “o principal instrumento internacional de protección das linguas minoritarias”. Trátase dun documento importante “porque é vinculante, xa que hai un mecanismo de supervisión”, remarca Arzoz. O tratado ten unha finalidade cultural, “protexe as linguas minoritarias, non ás minorías lingüísticas; non recoñece dereitos, senón medidas de protección para esas linguas a través dun sistema de ratificación á carta”, isto significa que cada estado especifica el mesmo as linguas e as medidas a asumir, existindo varios graos de esixencia.
Xerarquicamente, a Carta Europea sitúase por debaixo da Constitución pero por riba das demais leis. No caso de España optouse por aplicar todas as medidas de protección para todas as linguas oficiais, excluíndo os apartados de universidade e outras formas de educación superior e as disposicións xerais aplicables ás autoridades administrativas estatais.