DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recolle o premio o sábado 8 de novembro en Roma

O profesor vigués Xosé Henrique Vázquez, primeiro español en gañar o William Kapp Prize

O galardón está outorgado pola Asociación Europea de Economía Evolucionista

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/11/2008
Explorar novas ideas máis alá da sabedoría tradicional valeulle ao profesor Xosé Henrique Vázquez converterse no primeiro español en gañar o William Kapp Prize 2008, outorgado pola Asociación Europea de Economía Evolucionista, en recoñecemento a aquel investigador que foi quen de pór en dúbida os postulados básicos da teoría económica e poñer sobre a mesa novas propostas que dan resposta a determinados problemas sen resolver na economía actual.
Baixo o título Explicación ecléctica dos sistemas de control operario, Vázquez defende que o funcionamento do mercado laboral externo –taxa de desemprego, grado de formación dos traballadores...- inflúe moito na organización do propio traballo dunha empresa: sistemas de control, incentivos variables..., algo que contradí a teoría clásica, defensora de que isto só está determinado polas consideracións internas da compañía, impulsadas sempre pola procura da eficiencia.
Para o investigador vigués, membro do grupo de investigación Rede, un dos considerados de excelencia na Universidade, o feito de que os sistemas de control varíen duns países a outros pon de manifesto o erro da economía tradicional, “se a economía ortodoxa estivera no correcto non habería demasiada heteroxeneidade e, sen embargo, si que existe esta variedade de sistemas”, explica.
Para demostralo relacionou ambos mercados e evidenciou que os sistemas de control están influídos por razóns de eficiencia pero tamén teñen que ver con factores do mercado de traballo como poden ser a taxa de desemprego. “Dei unha explicación ecléctica no senso de que empreguei aqueles parámetros que eu pensaba que o explicaban mellor, independentemente de que foran ortodoxos ou non”, continúa.
Vázquez sinala que en determinadas ocasións se sacrifica a eficiencia na procura dunha maior eficacia. En momentos de elevados índices de desemprego, un dos casos que emprega como exemplo, pode decidirse descualificar o traballo e empregar un maior números de persoas, cunha cualificación menor e, por tanto, máis facilmente substituíbles, “iso dáme unha capacidade de negociación sobre eles que non tería se o meu persoal está moi cualificado”, engade.

Analizáronse 320 empresas de alimentación e electrónica

Para realizar a investigación o profesor centrouse no sector industrial e, máis concretamente, no ámbito da alimentación e a electrónica, na procura da maior variedade de trazos organizativos e tecnolóxicos distintos. Analizou un total de 320 empresas españolas elixidas a través dunha mostra aleatoria. Estudou dende as súas políticas de innovación ata os diferentes cambios levados a cabo a nivel produtivo ou diferentes variables para poder medir a conduta oportunista de empresarios e traballadores.

Un traballo iniciado no 1999 en Manchester

O xerme da investigación xurdiu durante unha estancia na Escola de Negocios de Manchester no 1999, influído polos traballos que se estaban facendo na Manchester School of Management.
Vázquez estaba facendo a tese de doutoramento e, naquel momento, non puido dedicarse a resolver esta incógnita, pero co tempo mantivo a preocupación por este tema e, a base de dedicarlle moitas horas de estudo conseguiu plantarlle cara a este particular reto. “Era un problema do que desde o inicio tiña unha intuición pero que non daba atopado a forma de resolvelo. Foi un proceso longo, pois non o rematei ata o 2004”, engade o investigador.
No 2006 foi publicado na revista Organization Studies e hai uns meses presentouno ao premio, pero non el senón un vello amigo de Manchester, “así que a metade do premio en metálico terei que compartilo con el”.

En homenaxe a William Kapp

O importe do premio, 2000 euros, é financiado pola Fundación William Kapp, creada co obxectivo de fomentar a exploración de novas ideas fóra do que pode ser a sabedoría convencional.
Kapp está considerado un dos pais da economía ecolóxica. “Este autor fixo unha desas contribucións á economía ortodoxa que logo derivaron en unha enorme corrente de pensamento na se unen economía e medio ambiente”, explica Vázquez, quen quere quitarlle peso ao feito de ser o primeiro español en quedarse co galardón “non é nada relevante, xa que vivimos nunha economía totalmente globalizada, onde a nacionalidade de cada quen é un factor sen maior importancia”, manifesta.
Este sábado 8 de novembro recolle o premio en Roma no congreso anual da asociación, a vindeira semana regresará a Vigo onde seguirá impartindo clases de Dirección de Empresas e Xestión Tecnolóxica e da Innovación, iso si, seguirá pondo en dúbida aquelas teorías que non o convenzan, ao tempo que tratará de indagar outras alternativas.