DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Xosé Mahou coordina a primeira escolma de experiencias de éxito de e-goberno

A monografía inclúe exemplos de webs como a Axencia Tributaria ou o Concello de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 19/12/2008
A páxina web do Concello de Vigo recibe unha media de 160.000 visitas mensuais e está considerada por diferentes estudos coma un dos concellos que máis servizos electrónicos lles concede aos cidadáns. Este é un dos exemplos que se achega na publicación A administración electrónica desde unha perspectiva comparada, unha obra pioneira na que se reúnen múltiples experiencias de prácticas exitosas do chamado goberno electrónico, caracterizado sobre todo polas novas oportunidades para o acceso dos cidadáns a estruturas cada vez máis transparentes.
Coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Mahou, doutor en Ciencia Política, “a obra servirá de referencia tanto para o mundo académico como da administración, xa que se trata do primeiro volume deste estilo que se publica en Galiza”, admite Mahou, para quen o principal obxectivo que se persegue é dar a coñecer as diferentes experiencias que se están a levar a cabo “e contribuír así a un debate de maior calado sobre o tema”.

Importantes avances en Galicia desde o 2005

Editado pola Escola Galega de Administración Pública, a obra fai un repaso das estratexias que se están levando a cabo desde as diferentes administracións para asegurar servizos electrónicos de calidade. Segundo Mahou, tanto as estratexias da Unión Europea como as da Xunta de Galicia coinciden en dous tipos de accións básicas: dunha banda, as intraorganizativas, dirixidas sobre todo ao deseño de aplicacións seguras e de acceso sinxelo e, da outra,as interorganizativas, destinadas á posta en práctica de sistemas que posibiliten o intercambio de datos e información para executar servizos de xeito coordinado entre os distintos organismos.
Desde o punto de vista do profesor pontevedrés, no que a administración autonómica se refire, estanse facendo cousas importantes pero “adoecemos dunha visión de conxunto, se ben dende o 2005 puxéronse en marcha varias medidas que amosan a predisposición do goberno a seguir avanzando neste terreo”.

Diferentes achegas en tres bloques temáticos

A obra recolle as principais contribucións dos diferentes participantes nas Xornadas de administración electrónica desde unha perspectiva comparada, organizadas conxuntamente pola Escola Galega de Administración Pública, Egap, e o Instituto Europeo de Administración Pública – Centro Europeo de Rexións, IEAP-CER de Barcelona en novembro de 2007 en Santiago de Compostela. Precisamente a este centro pertence o profesor Alexander Heichlinger, que coordina a obra con Mahou.
As diferentes achegas dividíronse en tres grandes bloques temáticos: plans estratéxicos e goberno electrónico, a cidadanía e o espazo público virtual e a administración electrónica local.
O primeiro apartado comprende tres relatorios centrados no estudo das estratexias de fomento da sociedade da información e do goberno electrónico que están a ser implementadas por diferentes niveis administrativos, centrándose sobre todo no caso da Unión Europea. No segundo, preséntanse varios exemplos de experiencias de referencia mundial, entre eles a Axencia Tributaria “un caso pioneiro, tanto nos servizos que dá como na calidade”, admite o profesor Mahou.
O último apartado achega catro traballos sobre a administración máis próxima aos cidadáns, os concellos, incluíndo os casos da Coruña e Vigo como os de maior éxito de introdución das TIC nos concellos galegos.