DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición remata o 8 de abril

A profesora Almudena Fernández ampliará as lindes da pintura nun taller no MARCO

O curso está fundamentado nas súas propias pescudas teóricas e creativas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 24/03/2010

Os museos de arte contemporánea están anegados de obras pictóricas tridimensionais, feitas con materiais alternativos aos pigmentos e sobre soportes diferentes ao lenzo, pero seguen véndose como algo excepcional e fóra da norma. Explorar os límites do que se definiu tradicionalmente como pintura e asentar as súas novas orientacións é o obxectivo do taller O que a pintura non é, que impartirá Almudena Fernández Fariña, artista e profesora da Facultade de Belas Artes, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). A experiencia, que se desenvolverá na semana do luns 12 ao venres 16 de abril, pretende darlle cabida tanto a persoas procedentes das Belas Artes e outras disciplinas afíns, como a persoas sen unha formación específica pero cun interese de partida.

Derrubar as convencións tradicionais da pintura

“Tradicionalmente entendeuse como pintura un cadro colgado na parede con imaxes máis ou menos referenciais, pero desde principios do século XX moitos artistas romperon con isto”, explica Almudena Fernández. Tendo en conta isto, a profesora revisará as convencións asentadas e aceptadas tradicionalmente sobre a pintura –ligadas a aspectos instrumentais (o pincel), procesuais (manualidade), materiais (pigmentos e aglutinantes), formais (soporte cuadrangular e bidimensional) e perceptivos (visión frontal/estática)–, para analizalas e cuestionalas, co fin último de comprender as aperturas e derivas da práctica pictórica contemporánea.
“Desde o Renacemento mantívose a idea do cadro-ventá, como unha fiestra á natureza, ata que os impresionistas e os cubistas comezaron a romper con ela”. A artista realizará unha revisión histórica para analizar como e por que se impoñen esas convencións ao redor da pintura, así como un percorrido por aquelas prácticas pictóricas que supoñen un punto de ruptura, con exemplos de artistas que incitan a redefinir o concepto de pintura. Neste sentido Fernández Fariña comenta que “foron claramente os cubistas os que mudaron o concepto de materialidade, deixando de usar pigmentos e comezando a pegar papel e outros elementos nas súas obras, con Robert Rauschemberg como un dos introdutores da colaxe”. A profesora cita tamén a unha artista máis recente, Jessica Stockholder, como exemplo daqueles creadores que buscaron unha pintura que traspasase a bidimensionalidade. “O seu traballo esixe que o espectador percorra o espazo, introdúceo dentro da pintura”, explica. Outros, como Sol LeWitt, sobordaron os límites do marco para pintar sobre o muro. “O pincel deixou tamén de ser o instrumento básico dos pintores e hai artistas que usan o seu propio corpo como pincel ou, agora, o rato do ordenador”, engade.

A pintura sen pintura, sen pincel, sen cadro e sen muro

O obradoiro propón experimentar a pintura dende a negación de todos eses preconceptos, para explorar os seus límites e expandir o seu campo. A pintura sen pintura, A pintura sen pincel, A pintura sen cadro e A pintura sen muro son os títulos das catro primeiras sesións. Con base nisto, cada unha delas comezará cunha charla apoiada en imaxes que invite aos participantes a reflexionar, seguida dunha experiencia práctica para aplicar e completar esas reflexións. Na última, que leva o título que engloba o taller, realizarase unha presentación e análise do propio traballo de Almudena Fernández e exporanse as conclusións e os traballos realizados ao longo do taller.
A necesidade de Almudena Fernández de buscar unha nova perspectiva teórica e práctica para a pintura naceu do seu propio traballo como artista e investigadora, o que se reflicte nas súas obras e na súa tese de doutoramento. “Na miña práctica artística comecei traballando coas convencións tradicionais da pintura, pero dende hai anos, manteño un diálogo máis explícito co espazo, actuando sobre el e non sempre con pintura”, explica ela mesma.

Prazo de inscrición e taxas

Xa se pode realizar a inscrición cubrindo a ficha dispoñible para a súa descarga na páxina web do MARCO e presentándoa ben directamente no museo, a través de correo postal (Museo de Arte Contemporánea de Vigo, r. Príncipe 54 - 36202 Vigo), por fax (986113901) ou por correo electrónico (info@marcovigo.com). A solicitude debe ir acompañada dun texto breve que recolla as motivacións para facer o taller e, no caso de ser artista ou estudantes, tamén dun CV ou dossier de actividade artística e do carné de estudante. O curso ten unha taxa de 30 € para o público xeral e 24 € para estudantes ou membros da Agrupación Amigos do MARCO. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o día 8 de abril e o número de prazas está limitado a 20 participantes, polo que pode haber un proceso de selección, no que se tería en conta a adaptación do perfil persoal ou profesional do participante aos contidos e obxectivos do taller.