DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Ana Belén Fernández Souto afonda nos aspectos socioculturais e normas protocolarias de máis de cincuenta países

A través de dous libros nos que explica como actuar nos encontros internacionais

Etiquetas
  • Pontevedra
Esmeralda L. Castro DUVI 04/03/2010

Coñecer os costumes e tradicións propias doutras culturas e participar delas é a mellor fórmula para afrontar un encontro internacional e que este chegue a bo fin. Ana Belén Fernández Souto, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e especialista en Relación Públicas e Protocolo, vén de publicar dous libros nese camiño, que trazan un achegamento ás culturas e ás normas protocolarias daqueles países cos que España adoita negociar no contexto internacional para saber como actuar nos encontros bilaterais. Titulados Las relaciones públicas en nuestros días. La interacción personal y el protocolo en el ámbito internacional e El protocolo internacional en la globalización económica, o seu obxectivo é, segundo a profesora, “amosar como podemos negociar con éxito no ámbito internacional”, sobre todo, “sen meter a pata por cousas que non coñecemos”.
O primeiro dos libros está editado por Adaravía e comeza cunha introdución aos fundamentos do protocolo e o cerimonial nas principais culturas, para logo abordar os aspectos claves da comunicación nas relacións internacionais. O segundo, do que Fernández Souto é a coordinadora, está editado pola UOC (Universitat Oberta de Catalunya) e escrito xunto cos profesores da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, Deva Castellanos e Alberto Romeros e con Teresa Bernácer, quen ata o pasado mes de agosto era a xefa de protocolo do Ministerio do Interior. Como explica a profesora, “son dous textos complementarios, que afondan nos conceptos básicos que marcan o protocolo internacional, de cara ás relacións económicas, comerciais e institucionais”.

Organizar reunións sen quedar en ridículo

Mentres que o primeiro libro ten un contido máis xenérico do ámbito das Relacións Públicas, o segundo céntrase en como xestionar encontros con empresas e institucións doutros países. A profesora asegura que ás veces se cometen erros sen decatarse polo mero descoñecemento de aspectos socioculturais. “As diferenzas culturais poden facernos caer en erros xestuais ou de planificación porque non sabemos cando son os días festivos ou que en moitos países se traballa o sábado”, sinala ao respecto, polo que considera que “a clave está en organizar reunións sen necesidade de quedar en ridículo por cousas que non sabemos”. Para isto, os dous volumes recollen aspectos culturais, sociais, económicos e recursos onde buscar información doutros países, así como un conxunto de información para planificar de forma correcta encontros internacionais. Abordan a gastronomía, a relixión, a forma de vestir, o saúdo e as técnicas de negociación, así como as principais normas protocolarias vixentes en máis de cincuenta países nos catro continentes.
A profesora asegura que a forma de negociar é moi diferente nos países fríos que nos cálidos. “Nos países do norte de Europa a distancia social é moi grande, as persoas non se tocan, non se dan bicos nas presentacións como facemos nós, todos eses xestos e sinais afectivos están reservados ao ámbito privado”, explica. Destaca tamén o caso de Rusia, onde salienta que as técnicas de negociación son moi temperamentais. “Canto máis berren significa que mellor vai a reunión, polo que se nós chegásemos alí sen saber iso probablemente sairiamos correndo”. Pola contra, afirma que nos países orientais a mellor sinal de que a xuntanza vai polo bo camiño é o silencio, “algo que polo xeral a nós nos resulta incómodo”.