DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha achega á historia contemporánea do xornalismo

A profesora de CCSS e da Comunicación, Aurora García, documenta a historia de La Voz de Galicia entre 1939 e 1992

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 09/02/2009

A historia de cada cabeceira de prensa, de cada radio, televisión ou medio dixital é parte de todos porque, cada un á súa maneira, contan cada día a realidade da sociedade na que desenvolven o seu labor. Como se contaron eses feitos no seu día e como foi evolucionando o medio de comunicación centran o discurso de Historia de la empresa de La Voz de Galicia, de Aurora García González, profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación, que debulla a evolución do diario desde a fin da Guerra Civil española ata o 1992.
O traballo correspóndese coa súa tese de doutoramento, que agora decidiu publicar “porque detrás hai moito traballo e hai que darllo aos alumnos”, apunta García. O comezo da suá investigación está situado na fin da Guerra Civil, un feito que non é casual xa que “a etapa que vai desde a orixe do diario, en 1882 ata 1939, xa fora elaborada por Mercedes Román”. Tamén existe xustificación para que o 26 de xullo de 1992 sexa a data final. Nese momento “La Voz de Galicia transformouse nunha empresa multimedia e deixou de ser só un xornal”, explica a profesora, que dirixe a sección departamental de Comunicación.
Trátase dunha “análise histórico-empresarial da empresa paso a paso” con vocación de converterse nun manual imprescindible para os alumnos das licenciaturas relacionadas coa comunicación. Entre outros aspectos abórdase a posta en marcha do proxecto de "edicionalización" do xornal que, segundo indica a propia García, “foi unha aspiración vocacional da empresa” que realizou un labor “practicamente pioneiro en incluír información comarcal" e así atender aos feitos ocorridos en calquera punto da xeografía galega. Deste xeito, “enténdese o que somos e aprendemos coñecendo a historia”, apunta a profesora.

Un baleiro no campo da investigación

Entre o seu propio traballo e o de Mercedes Román, a historía do diario como tal xa queda contada. O reto pendiente é retomala en 1992, algo ao que García non lle “pecha a porta” aínda que advirte que se trata “dunha tarefa inmensa porque houbos saltos xigantes e as novas tecnoloxías apuraron os cambios”. Sen embargo, si que anima aos investigadores máis mozos “a facer análises de historia comparada dos medios de comunicación” xa que considera que é un aspecto no que existen “lagoas”.
Para a publicación da súa obra, Aurora García escolleu a editorial dixital Libros en Red xa que, aínda que tamén se publicará en papel, García aposta por “abrirnos ás novas tecnoloxías e facer accesible a todo o mundo as investigacións”.
Esta non é a primeira vez que publica unha investigación sobre esta cabeceira galega. En La Voz de Galicia, apuntes históricos colaborou coa propia Mercedes Román. Asimesmo, García ten traballado sobre outros medios como o Diario de Pontevedra en Primeira páxinas do Diario de Pontevedra, de 1997, ou Diario de Pontevedra, a fórmula do éxito, do mesmo ano e dispón dunha obra na que recolle a historia da radio en Pontevedra.