DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na XXVII Semana Galega da Filosofía que se celebra en Pontevedra ata o 9 de abril

A profesora Coral del Río propón permisos parentais iguais e intransferibles para evitar diferenzas de xénero no traballo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 06/04/2010

A incorporación masiva da muller ao mercado laboral é un fenómeno recente que fixo que a taxa de actividade feminina se duplicase en España desde finais dos anos setenta, pasando do 30% ao 60% no grupo de idade de 25 a 54 anos. Con todo, seguen sendo moitas as diferenzas laborais existentes entre homes e mulleres e así o indicou hoxe Coral del Río, profesora titular do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, que interveu na segunda sesión da XXVII Semana Galega da Filosofía, cun relatorio sobre Xénero e mercado de traballo.
Del Río apuntou dúas como as desigualdades de xénero máis notables no mercado de traballo: “as diferenzas salariais e a segregación ocupacional tanto horizontal como vertical”. Indicou que para ela esta situación é unha consecuencia directa da perduración da crenza de que os coidados son unha responsabilidade das mulleres, mentres que aos homes lles competería a busca de recursos. “O problema é que a sociedade segue pensando iso, e iso é un lastre para as mulleres, para o seu desenvolvemento persoal, a súa independencia económica e é un lastre tamén para os coidados, porque hai unha parte que deberían facer os homes que está moi pouco desenvolvida”, subliñou. Neste sentido, a profesora pensa que a solución pasaría por propoñer medidas para que os permisos parentais, de maternidade e de paternidade, sexan iguais e intransferibles. Para que non sexa finalmente a muller a que acabe deixando o traballo para coidar aos fillos, a profesora considera que eses permisos mesmo deben ser obrigatorios para os dous. A efectividade desta medida requiriría un enorme esforzo pedagóxico, pois, como indicou a docente, “desgraciadamente hai aínda moita xente neste país que non o entendería”.

Índices maiores de contratación parcial nas mulleres

Coral del Río abordou ao longo do seu relatorio diferentes teorías económicas e do capital humano, ao tempo que realizou unha análise dos datos das taxas de actividade, ocupación, paro e fecundidade achegadas pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) para poñer de relevo a dimensión da desigualdade entre homes e mulleres no mercado laboral e rastrexar as súas causas.
Ademais das diferenzas salariais e no tipo de postos que ocupan as mulleres fronte aos homes, fixo un especial fincapé na calidade do emprego. “A contratación a tempo parcial ten unha incidencia máis elevada nas mulleres que nos homes”, indicou, salientando que en España teñen un contrato parcial o 24% das mulleres ocupadas fronte ao 5% dos homes. Segundo os datos que presentou a profesora, noutros países de Europa, en especial os nórdicos, a incidencia é menor pero sempre hai máis mulleres que homes con este tipo de xornada.
Coral del Río achaca igualmente isto ao feito de teren a sociedade moi interiorizado que os coidados son unha responsabilidade feminina. “Determinadas teorías económicas mesmo analizan a crise como unha situación propicia para incentivar ás mulleres a reducir a súa xornada a prol dunha maior dedicación familiar”, indicou.
Ao seu ver, esta situación non vén máis que a perpetuar unha situación secundaria da muller, porque a súa porcentaxe de ingresos laborais é moito menor que o seu peso. Segundo a EPA ao redor do 43% das persoas ocupadas son mulleres, mentres que a porcentaxe do total de retribucións que reciben é moito menor que esa porcentaxe e o salario medio por hora equivalería ao 75% do dos homes. “Fronte a isto, se algo demostraron no último século as teorías feministas foron as ganas das mulleres de entrar no mercado laboral”, concluíu a profesora.

Crítica da economía, da situación socioeconómica galega e da mundialización

As xornadas, organizadas pola Aula de Filosofía Castelao, en colaboración coa Universidade de Vigo e co patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, o Concello de Pontevedra, a Consellaría de Cultura e Caixanova, están centradas este ano na economía desde un punto de vista filosófico, para poñer de relevo a súa incidencia nas desigualdades sociais. Ata o vindeiro 9 de abril daranse cita diversos especialistas internacionais que abordarán o tema dende tres perspectivas: a análise e crítica da economía, a situación socioeconómica de Galicia e os efectos da mundialización. Entre outros participarán o profesor franco-brasileiro Michael Löwy, a sindicalista Lidia Senra, o sociólogo Joaquín Sempere, Jacques Bidet, da Universidade de Paría X Nanterre, o profesor da UNED Ubaldo Martínez e os economistas Arcadi Oliveres e Andrés de Francisco mentres que Xosé Manuel Beiras será o encargado de impartir a conferencia de clausura.