DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha profesora de Expresión Musical, única representante española no I Congreso Iberoamericano de Educación

A docente, Susa Herrera, estuda a importancia do conto musical

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 17/09/2010

A búsqueda de novos proceso de aprendizaxe na lectura e escritura dos máis cativos estase a converter nun dos principais temas de debate entre a comunidade pedagóxica. Deste xeito, nace o I Congreso Ibeoramericano de Educación, Estimulación e Desenvolvemento Infantil, organizado polo experto Orlando Terré, na cidade de Lima, Perú. Entre os conferenciantes, Susa Herrera, profesora titular da área de Didáctica de Expresión Musical na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Pontevedra, é a única representante de todas as universidades españolas e a súa intervención versa sobre a influencia positiva que pode realizar a música nos nenos á hora de comezar a ler e escribir.

O principal obxectivo do I Congreso Iberoamericano de Educación baséase en tentar traballar as catro funcións básicas da linguaxe (falar, escoitar, escribir e ler), desenvolvendo metodoloxías prácticas que as potencien para impulsar a aprendizaxe nos infantes.

As aportacións da música na aprendizaxe

Neste contexto céntranse as achegas de Susa Herrera, que traballa “en como a didáctica da música en idades temperás pode contribuír á iniciación da lectura e escritura; traballamos todos os elementos necesarios para esa iniciación”. Os parámetros que se exercitan nunha clase de iniciación musical coinciden cos procesos mentais que posteriormente axudarán ao neno na lectura e escritura, engadido ao feito de que a música esperta o seu interese e que axuda á súa socialización.

Unha das aplicacións prácticas que a docente vai explicar no congreso é o conto musical. Baséase en coller un conto e mirar a imaxe sen prestarlle atención ao texto que a acompañe; a partir de esa imaxe faise unha letra nova, isorrítmica, na que o ritmo se repite nas diferentes estrofas, para que o infante fixe os esquemas; despois engádeselle a música e, por último unha coreografía xestual. Con este proceso, “non hai ningunha cuestión que incida no inicio da lectura e escritura que desde a música non se traballe”, apunta Susa Herrera.

Ante a efectividade da técnica, cada vez máis profesorado infantil se interesa na importancia da música nos métodos docentes, aínda que a experta destaca que “na formación do profesorado en Educación Infantil, a música debería ter un papel máis destacable”.

O congreso, ademais de contar coa asistencia de investigadores, terá un oco para as familias, coa finalidade de pór solución ao principal problema na educación, “a rotura da tradicional cooperación entre pais, nais e profesorado, motivo principal do fracaso escolar”.