DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidos polo Ministerio de Cultura e Deporte para recoñecer traxectorias profesionais destacadas

A profesora Lola Dopico formará parte do xurado do Premio Nacional de Deseño de Moda

Será a primeira vez que tome parte nas deliberacións deste galardón

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 16/05/2023

Como “unha honra e como un recoñecemento” ao traballo que se desenvolve desde o Mestrado en Deseño e Dirección e Creativa en Moda recibe a coordinadora deste posgrao, Lola Dopico, o seu nomeamento, por primeira vez, como membro do xurado do Premio Nacional de Deseño de Moda. Promovidos pola Dirección General de Industrias Culturales, Propiedad Intelectual y Cooperación, do Ministerio de Cultura y Deporte, trátase duns galardóns outorgados a “deseñadores cunha traxectoria moi importante”, como lembra Dopico, que a comezos de xuño participará nas deliberacións destes galardóns, cunha dotación económica de 30.000 euros e que nos últimos anos distinguiron a deseñadores como Adolfo Domínguez, Ágatha Ruiz de la Prada ou Ana Locking.

“Sempre é unha honra que pensen nunha para estas cousas”, recoñece Dopico, que aceptou “con moito gusto” a proposta do Ministerio de formar parte deste xurado, cuxa composición recollíase nos últimos días nunha resolución publicada no BOE. Nese senso, o órgano responsable de outorgar neste 2023 este premio nacional estará presidido pola directora xeral de Industrias Culturales, Propiedad Intelectual y Cooperación, Carmen Páez, e contará co subdirector xeral de Promoción de Industrias Culturales, Carlo Emanuel Pena, como vicepresidente, e con sete vogais. Estes serán, xunto a Dopico, o gañador en 2022 deste premio nacional, Ángel Schlesser; a directora do Museo del Traje de Madrid, Helena López de Hierro, o crítico cultural Enrique Andrés Ruiz; a head of content de Vogue España, Inés Lorenzo, o fotógrafo Alfonso Ohnur Espinosa e a directora executiva da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno. 

“Seguro que será unha experiencia moi positiva”, recoñece Dopico, que destaca a traxectoria das e dos diferentes vocais, entre as que se atopan, lembra, profesionais como López del Hierro ou Bueno, que formaron parte nos últimos anos dos xurados de Debut, o desfile no que os novos titulados e tituladas do máster presentan as súas coleccións de fin de estudos. Nunha xuntanza prevista para comezos de xuño, as e os integrantes deste xurado deberán tanto avaliar as diferentes propostas presentadas, á vez que poderán formular outras propias, co propósito final de dirimir quen será a persoa gañadora dun premio que distinguen cada ano “deseñadores cunha ampla e dilatada traxectoria”. 

Un recoñecemento á traxectoria de Esdemga

Ademais de como “unha oportunidade que me apetece moito”, Dopico incide tamén en que o nomeamento é tamén “un recoñecemento ao traballo que facemos” desde o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, posto en marcha en 2017 e que á súa vez daba continuidade ao labor desenvolvido en Esdemga desde en 2004. Foi entón cando a UVigo puxo en marcha, baixo a súa dirección, o título propio de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, posteriormente substituído polo actual mestrado. “Vémolo como algo moi positivo”, admite a súa coordinadora respeto dun nomeamento que é tamén un recoñecemento ao seu labor no eido académico e investigador e no comisariado de exposicións no ámbito da moda, “que é no que levo centrada os últimos 20 anos”, recoñece.