DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Toma o relevo na dirección do centro a Marta Fernández

A profesora Susana Álvarez é elixida nova decana de Dereito

A súa candidatura acadou 21 votos a favor, todos os depositados, na votación da Xunta de Facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 10/02/2023

A profesora Susana Álvarez foi elixida este venres nova decana da Facultade de Dereito do campus de Ourense. A súa candidatura, a única presentada ás eleccións, acadou 21 votos a favor, todos os depositados, da Xunta de Facultade. Substitúe no cargo a Marta Fernández, que estivo á fronte desta facultade desde finais de 2015 (durante dous mandatos, o máximo posible, e un ano máis en funcións).

Susana Álvarez é profesora titular da Área de Filosofía do Dereito, do Departamento de Dereito Privado, e membro do grupo de investigación Medea Iuris. O seu equipo decanal estará formado por Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que será vicedecana de Organización Académica; Lourdes Borrajo, profesora titular da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, que será vicedecana de Calidade, e María Belén Sánchez, profesora titular de Dereito Internacional Público, que será secretaria. Competan o equipo as profesoras Natalia Torres, que será a coordinadora de Relacións Internacionais, e Mónica Siota, que se encargará da coordinación do grao.

Retos para o novo mandato

“Nos vindeiros meses tentaremos dar continuidade na medida do posible ao traballo realizado nestes últimos anos. Creemos que foi un traballo intenso que deu bos resultados e polo tanto que debemos seguir nesa liña”, comenta Susana Álvarez. Neste senso destaca que “partimos dunha base sólida, con titulacións consolidadas e que superaron de forma continua os procesos de avaliación aos que foron sometidas”. De cara ao novo mandato que se abre, a docente sinala que “as liñas de actuación que se presentan pretenden ser realistas, centrándose na mellora constante das nosas titulacións: o Grao en Dereito, o programa conxunto dos graos de Administración e Dirección de Empresas e Dereito e o Mestrado en Avogacía, engadindo novos retos”.

En relación coas titulacións, no Grao en Dereito, detalla a responsable académica, “afrontaremos a elaboración do plan estratéxico da facultade” e no Mestrado en Avogacía “a modificación do título para a súa adaptación ao regulamento da Lei sobre o acceso ás profesións da Avogacía e a Procura, publicado esta mesma semana”. Así mesmo, engade, “a elaboración das liñas estratéxicas permitirá a diagnose e avaliación da implantación de novas títulos de mestrado e dobres graos”.

A nova decana tamén indica que “tentaremos manter as acción formativas consolidadas e seguir transferindo coñecemento á sociedade, na busca dunha colaboración constante da facultade coas administracións públicas e co sector privado”. Así, sinala, “apostamos por seguir reforzando as prácticas externas e as acción vencelladas á empregabilidade do noso alumnado, como a organización de feiras de emprego como Orienta Iuris e talleres sobre saídas profesionais”.

Para lograr estes obxectivos, recalca Susana Álvarez, será preciso a colaboración de todos os sectores implicados na facultade, tanto persoal docente e investigador, como persoal de administración e servizos como alumnado. “Contamos cun PAS e PDI totalmente implicado co centro e cunha vocación de servizo público máis que constatada en períodos especialmente duros como foi o da pandemia”, comenta. Despois da etapa máis dura da pandemia, apunta a profesora, “é preciso tamén impulsar, na medida do posible, a colaboración co alumnado e potenciar a súa implicación na xestión, prestando especial atención ás súas necesidades. Os nosos alumnos e alumnas e egresados e egresadas son, sen dúbida, os nosos mellores embaixadores”, subliña a nova decana.