DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar do 29 de setembro ao 3 de outubro

A profesora Susana Cendán dirixe un curso da UIMP sobre seres extraordinarios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 15/09/2008

Bree Van de Camp, Dexter, as lolitas góticas, John Balam, Fortuny.... todos eles personaxes, de ficción ou reais, de sobra coñecidos por ser “criaturas especiais que nos dan unha lección de coherencia, de como é posible vivir a vida ao marxe das convencións e sen complexos”. Así os define Susana Cendán, profesora da Facultade de Belas Artes e directora do curso Criaturas especiais. A construción creativa de identidades, arquitecturas e mitos, onde os alumnos afondarán nas características e nos segredos que se esconden detrás de eses personaxes que logran manterse vivos xeración tras xeración.
Organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, UIMP, o seminario ofrece unha “persoalísima selección de criaturas extraordinarias, tanto reais como ficticias, pero cunha gran capacidade de suxestión no desenvolvemento das correntes artísticas”, explicou Susana Cendán. Trátase, continuou a directora do curso, “de seres minoritarios pero profundamente sedutores porque, neste mundo global no que sempre están os mesmos nos mesmos sitios, buscar a diferenza é, para moitos de nós, unha necesidade case vital”.

Un gran elenco de artistas

No curso, que terá lugar do 29 de setembro ao 3 de outubro no Centro Social Caixanova, os asistentes poderán escoitar as análises e opinións de expertos nos ámbitos da arte, a antropoloxía e a comunicación. Deste xeito contarase coa colaboración da profesora de Historia da Arte da Universidade de Almería, María del Mar Nicolás Martínez; do profesor de Antropoloxía Social da Universidade de Granada, Francisco Javier Tablero; do Catedrático de Historia da Arte na Complutense de Madrid, Delfín Rodríguez Ruíz; do profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade Carlos III de Madrid, Roberto Cueto Llera; do cortometraxista, Rogelio Sastre Rosa e dos artistas Andrés Senra, Félix Fernández, Antonio María Bandera Vera e Enrique Marty, entre outros.
Por outra banda, a inauguración do seminario virá da man do decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia, que amosou o seu interese por este tipo de iniciativas coas que “estamos encantados de colaborar”.

O prazo de inscrición ata o 26 de setembro

Todos aqueles que estean interesados en analizar a estas criaturas especiais, poderán inscribirse no curso ata o vindeiro 26 de setembro, data na que rematará o prazo de matrícula. O importe é de 125 euros, aínda que os alumnos de calquera das tres universidades galegas soamente aboarán a cantidade de 63 euros. Para calquera dúbida ou para ampliar a información, pódese consultar a páxina web da UIMP ou chamar ao teléfono 981140830.