DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Yolanda Herranz expón unha selección de toda a súa produción no Instituto Cervantes de Milán

A mostra recolle unha escolma dos seus proxectos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 21/11/2008

A identidade, a reflexión entre o min e o ti, en definitiva, o conflito na definición da autonomía e a palabra son algún dos piares da produción da profesora de Belas Artes, Yolanda Herranz, que a partir do 27 de novembro e ata o 16 de xaneiro expón no Instituto Cervantes de Milán unha selección da súa obra baixo o título Más Aún... y ...Aún Más.
A mostra parte dunha grande exposición que o ano pasado realizou en Salamanca facendo un percorrido polos vinte anos de carreira e que agora leva a Italia “recordando vellos proxectos para que alí coñezan o que fixen anteriormente”, segundo recoñece a artista. Sen embargo, a parada en Italia non é máis que un punto e seguido, xa que Herranz recoñece estar “cambiando algunhas cousas” dentro desa reflexión sobre o min e o ti. Novos campos que explorar porque "ata agora nunca antes me fixara no corpo, algo que fixen a raíz da miña maternidade”. Un paso lóxico se temos en conta que a relación entre a arte e a muller é a súa liña de traballo e forma parte da comisión da Cátedra de Estudos Feministas da Universidade.
Nas dúas salas que o Instituto Cervantes habilitou para ela poderán apreciarse pezas como Mis manos, da serie Las manos de la artista realiza en bronce, Manos de mujer en cruz formada por 65 fotografías con nomes de muller que comezan co A no que subxace o adulterio ou Pie amputado. Trenza cortada, que simboliza a paralización da muller. Pezas que dan exemplo da súas forma de narrar: ideas complexas transformadas en formas simples. Sen dúbida a vía más axeitada para conseguir “un xogo mental do espectador consigo mesmo”, unha lectura inmediata que invita a un percorrido en sentido inverso ao que realizou a artista para chegar a un punto do discurso no que é imperativo tomar posición.

 

A palabra e o tempo

Herranz vén utilizando a linguaxe “dunha maneira conceptual-poética para a que non está pensada” para conseguir terminoloxías descarnadas ao longo de toda a súa carreira, “aínda que sexa agora cando está de moda”, apunta. No caso desta exposición, Más Aún... y ...Aún Más, plantexa “unha simetría” entre un termo de cantidade e matemático, e o Aún “como partícula que detén o tempo, se dilata e se suspende”. Unha achega ao tempo non só no plano ontolóxico senón tamén no da existencia e o esgotamento. Con motivo da exposición estase preparando un catálogo de 128 páxinas e con máis de duascentas imaxes que conta cun texto da vicepresidenta da Asociación Internacional de Críticos da Arte, María Teresa Beguiristain.