DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

O profesorado achégase ás técnicas de representación en público

Desenvolverase os vindeiros 12,15, 17 e 19 de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 04/06/2009

A modulación da voz, a xestión dos silenzos, o manexo do espazo e os propios xestos e a posición do corpo significan moito e pese a seren mudos, din moito de quen os realiza. Tanto que poden chegar a bater de fronte coas verbas que pronunciamos e cambiar por completo o seu significado. Por iso, para aqueles profesores que queiran gañar efectividade nos seus discursos, destilar confianza e mellorar a súa expresión vocal e corporal convócase o curso Técnicas de comunicación en público que entre o 12 e 19 de xuño se impartirá no campus.
O actor, director e pedagogo Alfonso Rivera será o encargado de dirixir un curso co que se pretende que os alumnos “tomen conciencia do corpo e da palabra e coñezan as técnicas de representación en público”. “Detectaremos as dificultades e inseguridades de cada alumno e darémoslles pequenos trucos para superalos”, explica. Todo, nun ambiente “moi teatral, no que o pasaremos ben e empregaremos a improvisación”.

Tres piares de eficacia na comunicación

Confianza, convicción e credibilidade son os tres aspectos que Rivera sinala como obxectivos finais deste curso. Un triple envoltorio para que os profesores da Universidade transfiran os seus coñecementos con eficacia aos alumnos. A metodoloxía será eminentemente práctica, a través de exercicios colectivos e individuais ao tempo que se abordarán conceptos teóricos relacionados con cada unha das prácticas.

Matrícula a través de Bubela

Este curso, que se insire nas accións da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, ten unha duración de 12 horas e desenvolverase os vindeiros 12.15, 17 e 19 de xuño en horario de 10.00 a 13.00 horas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. As prazas están limitadas a un máximo de vinte alumnos e aqueles que asistan ás catro sesións das que consta o curso recibirán un certificado da Universidade. A matricula, que pode realizarse a través da Aula de Posgrao Virtual, pode realizarse ata o día 11.