DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesorado aprende a aproveitar as ferramentas da web 2.0

Blogs, wikis e redes sociais abren novas posibilidades para comunicarse co alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/02/2011
As ferramentas da web 2.0 estanse convertendo nun elemento fundamental de comunicación e de información, especialmente entre os máis novos e entre profesionais. O uso de blogs, wikis e redes sociais é un fenómeno ao que os docentes, como parte da sociedade e como transmisores de coñecemento non viven ao marxe. Conscientes deste interese e para afondar nas posibilidades educativas de Internet, a Área de Formación e Innovación Educativa organiza no campus de Ourense o curso Aplicacións Educativas da Web 2.0.

Unha das meirandes preocupacións do profesorado é atopar a fórmula axeitada para atraer a atención do alumnado, espertar a súa curiosidade e conseguir que adquira coñecemento. Para acadalo, Pedro Cuesta, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática, apunta que “instrumentos como os blogs están considerados actualmente no top dos recursos para a aprendizaxe educativa”. Cuesta será o encargado entre o 20 de marzo e o 13 de abril de impartir o curso de Aplicacións Educativas da Web 2.0. Durante a formación, os docentes coñecerán as características e posibilidades da nova rede, revisarán exemplos de aplicacións e ferramentas de interese, analizarán as súas utilidades e aprenderán a crear blogs e wikis. “O profesorado está moi interesado en actualizar os seus coñecementos neste ámbito, de estar ao día das súas posibilidades. Este curso é o décimo deste tipo que realizamos na Universidade e sempre ten unha excelente acollida”, salienta Cuesta.

O profesor destaca ademais que o uso das posibilidades da web 2.0 para o ensino se enmarcan no novo modelo de ensino que se implanta no EEES, onde se fomentan aspectos como o traballo cooperativo ou a maior participación do alumnado. Neste contexto, explica, “Internet ofrece cada vez máis instrumentos que permiten crear contidos de xeito sinxelo e compartilos con outros usuarios da rede, como blogger, wikispaces, flickr, etc.”.

O presente e non o futuro

“O uso da web non é o futuro, é o presente” salienta Cuesta. E como exemplo apunta que na Escola Superior de Enxeñaría Informática cada vez son máis os profesores que entre eles ou nas súas materias empregan recursos como blogs, redes sociais ou wikis. “Internet 2.0 supón unha nova formar de deseñar, usar e pensar. Os usuarios pasan de ser consumidores de información a participar activamente na construción de contidos. Estes cambios tamén se están reflectindo no mundo educativo, onde estas ferramentas se están a utilizar cada vez máis”, advirte.

Coincidindo en datas, a principios de abril o campus de Ourense tamén acollerá a celebración do curso de formación permanente Planificación e Deseño dunha Materia na Plataforma TEMA dende unha Perspectiva Pedagoxica-Práctica, impartido pola profesora Sonia Álvarez. O programa TEMA é un complemento virtual da docencia presencial onde o profesorado administra o contido das súas materias mediante a utilización dos recursos que a plataforma pon a súa disposición.

No curso, os docentes adquirirán nocións prácticas sobre o uso e funcionamento das distintas ferramentas dispoñibles na plataforma Claroline para o deseño, a publicación e a administración de cursos virtuais. Tamén aprenderán a planificar, deseñar e elaborar material docente para unha materia empregando Claroline e coñecerán distintas experiencias de aplicación e uso dela.