DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acollerá dous cursos de formación sobre as plataformas Moodle e Claroline

O profesorado aprende a crear contidos para a docencia virtual

As materiais on line requiren un cambio na metodoloxía das clases

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/02/2011
Cada día as universidades ofrecen ao alumnado máis posibilidades de formación a distancia, aproveitando as oportunidades que crea a tecnoloxía e adaptándose ás necesidades de flexibilidade e accesibilidade dos estudantes. Este proceso esixe, entre outras cuestións, que o profesorado sexa quen de manexar de xeito óptimo estas novas ferramentas. Para contribuír a esta cuestión, o campus de Ourense celebrará dous cursos de formación no que os docentes se familiarizarán coas plataformas que emprega a universidade para o ensino virtual, que son Moodle e Claroline.

Os cursos son A creación de contidos didácticos para a docencia on line e Planificación e deseño dunha materia na plataforma TEMA dende unha perspectiva pedagoxica-práctica, organizados pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade e impartidos por Sonia Álvarez, técnica do Servizo de Teledocencia da Universidade. O primeiro deles abordará esta cuestión principalmente desde o punto de vista dos contidos e o segundo desde unha perspectiva máis tecnolóxica.

Cambio metodolóxico

“O curso de creación de contidos didácticos está enfocado para que os docentes aprendan dun xeito sistemático a deseñar e estruturar contidos destinados á docencia virtual” explica Sonia Álvarez. Para empezar, os asistentes participarán nun módulo de formación virtual sobre a ferramenta Moodle. Isto permitiralles, ademais de adquirir habilidades de manexo do programa, pórse na pel do alumnado que recibe formación a distancia. Tamén haberá unha parte práctica, na que os participantes elaborarán unha unidade didáctica, e unha parte de intercambio de información, onde os docentes compartirán experiencias e coñecementos sobre este ámbito. Todo isto do 24 de abril ao 18 de maio en Ourense.

Álvarez salienta a importancia desta formación explicando que son moitas as diferenzas entre os contidos para unha materia presencial e outra on line. “A docencia virtual implica un cambio no deseño das materias, da súa metodoloxía”. Entre estes cambios apunta que elementos como a planificación adquiren unha relevancia maior e que as actividades adquiren outra dimensión grazas ás posibilidades que ofrecen os contextos virtuais, como foros, enquisas ou enlaces, entre outros.

O segundo dos cursos, que terá lugar do 7 ao 15 de abril, leva por título Planificación e deseño dunha materia na plataforma TEMA dende unha perspectiva pedagoxica-práctica. Cun carácter máis tecnolóxico, as xornadas introducirán ao profesorado no uso e manexo deste programa como complemento á docencia presencial. Segundo explica a docente do curso, esta ferramenta enmárcase dentro da plataforma Claroline, que é empregada maioritariamente polo profesorado, “pois aínda que ofrece menos posibilidades que Moodle, o seu manexo é máis intuitivo e sinxelo”.